Aquí vos deixamos información sobre a figura de Herminio Barreiro. Deixámosvos un resumo do que foi a súa vida, enlaces a un acto feito na súa honra e dous arquivos, un coa relación completa da súa obra e outro cunha escolma de toda esa obra.
Lembranza de Herminio Barreiro (parte 1): (preme aqui)
Lembranza de Herminio Barreiro (parte 2): (preme aqui)
Herminio Barreiro Rodríguez nado en Dorrón – Sanxenxo no ano 1937,fillo de dous mestres, estuda na escola rural donde a sua nai da clases , vive en Sisán – Ribadumia ata que se vai a Pontevedra a estudar maxisterio, antes de trasladarse a Madrid no 1958 donde se licencia en filosofia e letras, vivirá alí tata o 1976 , nese tempo ademáis de traballar na ensinanza media e cursar estudos de doutaorado intégrase no grupo Brais Pinto, un colectivo multidisciplinar formado por escritores, pintores críticos de cine, etc. En 1976 vaise a Cuba a recoller un premio,na habana con motivo da conmemoración do X aniversario da victoria revolucionaria.
As viaxes a Sisán, onde residían, entón recén xubilados, os seus pais, pasaron dunha frecuencia semestral (no verán e no Nadal) a unha frecuencia semanal. Un cambio co que Herminio, supoñemos, estaba feliz. Por fin profesor dunha materia que adoraba e por fin en Galicia, en Compostela.
Chegou a Compostela en 1976 para exercer como profesor na sección de Pedagoxía da Facultade de Filosofía e Ciencias de Educación, que tiña escasos anos de vida e procuraba acomodo na vella Fonseca.
As súas clases de Teoría da Educación axiña deron que falar, e aos matriculados fóronse sumando, atraídos polo que alí se dicía, compañeiros e compañeiras procedentes doutras facultades: marxistas, leninistas, maoístas, trotskistas, anarquistas ou nacionalistas, que daquela había moito onde escoller. Eran clases maxistrais, tanto pola forma como polo contido ,rodeado de libros e de apuntes que daban soporte a un ben tecido discurso. Comezou falando en castelán e rematou facéndoo en galego, a petición dos “ergas”, que proliferaban naquel curso.
Herminio lía con precisión os textos seleccionados para os seus alumnos: as teses de Marx sobre Feuerbach, a teoría de Althusser sobre os aparatos ideolóxicos do estado, ou algúns anacos d’A escola capitalista en Francia de Baudelot e Establet, coas súas dúas redes de escolarización: a primaria/profesional e a secundaria/superior. Logo comentaba e enriquecía a lectura. Facíao con contundencia e desde unha posición ideolóxica tan sólida como tolerante. O seu principal recurso metodolóxico era o comentario oral e escritode textos, sobre o que máis tarde escribirá: “Lembrábanos Enrique Tierno Galván, hai non moitos anos, que a lectura debe facerse tal como beben as galiñas: sorber primeiro coa cabeza baixa sobre o texto —embuchar— e meditar despois coa cabeza erguida —engulir.”Do temario de Historia da Educación Contemporánea extraerá materia para as súas investigacións, centradas na Ilustración, con especial preferencia por Rousseau, na Revolución francesa, na evolución do sistema educativo español e no pedagogo Lorenzo Lunarcito de Gabriel zuriaga, sobre o que fixo a tese de doutoramento e do que lle custará traballo desfacerse. Arredor destes e doutros asuntos escribiu traballos ben construídos e mellor redactados.
Cando un os le ten a impresión de estar escoitándoo falar.
Pero quero insistir máis no seu labor docente que no investigador. O propio Herminio concedíalle máis mérito ao primeiro que ao segundo, o que o convertía nun caso certamente atípico dentro da universidade española, que valora o profesorado en función das publicacións, e máis concretamente do medio onde aparecen, sen tomar en consideración a dedicación docente, por moito que se predique sobre Boloña e as súas excelencias. Herminio sabíao e non lle importaba. Nunca lle importou nadar contracorrente, aínda que non tiña ningún interese —discreto como era— en que se notase. Estaba convencido de que a súa palabra desempeñou unha función social máis importante e tivo unha audiencia superior á da súa escritura. Á marxe doutras consideracións, botaba contas e saíanlle os números: no ultimo curso como profesor tivo arredor de 700 estudantes matriculados nunha materia de libre elección. Cantos traballos académicos acadan un número de lectores similar? Os estudantes recoñeceron sempre a súa entrega e valorárono como un dos mellares profesores. Son varias as claves que explican este recoñecemento, das que me referirei a tres.
A rigorosa preparación das clases, recollida nuns cadernos que enriquecía cada ano con anotacións procedentes das súas múltiples e diversas lecturas. Antes de cada sesión, concentrábase no despacho, revisaba os apuntes e seleccionaba algún texto para ler e comentar; Nada, pois, de improvisacións, que as leccións maxistrais, reivindicadas tamén polo seu compañeiro de xeración e de troulas, Xosé Luís Méndez Ferrín, requiren un guión ben estruturado.
En maio de 1982 acadou o título de doutor coa tese titulada Aportaciones de Lorenzo Luzuriaga a la renovación educativa en España (1889-1936), dirixida polo Dr. Julio Ruiz Berrio e coa que obtivo a máxima cualificación. Con anterioridade alentara a introducirse no tema ao prof. Miguel A. Santos Rego, quen lle dedicou á obra pedagóxica do autor manchego a súa tesiña (1978).
A xenerosidade para atender os estudantes. O seu despacho estaba sempre aberto e recibíaos cun sorriso que convidaba a entrar e a permanecer —sería curioso rexistrar graficamente a reacción do profesorado cando os estudantes chaman á súa porta: posiblemente nos fornecese datos máis produtivos que os de moitas enquisas ao uso—. Nunca taxou o tempo, nin para recibilos e falar con eles, nin para ler e comentar os seus traballos. A Herminio gustábanlle os rapaces e as rapazas. Gústalle mesturarse e confundirse con eles fóra das aulas. Nas tabernas ,nas cafetarías e nos pubs, falando de todo un pouco, nas rúas e nas prazas da cidade vella, paseando, e mesmo dando clase na Praza das Praterías, como aconteceu anos atrás durante a mobilización dos estudantes contra a reforma universitaria.
O 8 de novembro enterraronse os teus restos en Sisán, convertida en capital de Galicia, en palabras de Xosé Luís Méndez Ferrín. Alí nos congregamos moitos dos teus familiares, amigos, compañeiros, alumnos e veciños, convocados polo cariño que che tiñamos. Algúns mesmo caeron na conta de que te querían moito máis do que sospeitaban, e non faltou quen, acompañado pola orfandade desde a súa adolescencia, se sentiu algo máis orfo a partir dese día. Foi unha tarde chuviosa, desas que che gustaban. Falaron algúns dos teus amigos de sempre: Ferrín, Luís Cochón e Daniel Pino; Antonio Vara, en representación do profesorado da Facultade de Ciencias da Educación; Xesús Redondo Abuín, compañeiro de militancia comunista; Branca Novoneyra e Lupe Gómez, que nos trouxeron a poesía de Uxío, en quen tiñas o irmán maior; Carlos Baliñas, que nos deixou abraiados cando leu un anaco da carta que lle fixeches chegar en 1958, na que manifestabas o teu desexo de morrer en outubro, ou cando menos en novembro, e os teus fillos David e Sonia, que fixeron súas verbas de Recordar doe. Logo viñeron outras homenaxes, como a organizada polo Ateneo de Santiago, do que formabas parte, o 10 de xaneiro de 2011. Nunca tantas persoas se xuntaran nun acto organizado por esta institución, segundo me manifestaron os seus directivos. Todas elas escoitaron atentas as intervencións de Manuel Vázquez de la Cruz, Xesús Alonso Montero pero a quen realmente querían escoitar era a ti, e supoño que foi sobre todo a ti a quen escoltaron.
O 17 de febreiro, os teus amigos da Fundación 10 de Marzo, coa colaboración da Universidade de Santiago, a Real Academia Galega, CC.OO-Ensino e o Ateneo de Santiago, convocáronnos de novo no Paraninfo da Universidade. Ademais do reitor, Juan Casares Long, fixeron uso da palabra, administrada por Ricardo Gurriarán, Xosé Luís Mendez Ferrín, Xesús Redondo Abuín, Miguel Pérez Pereira (o seu texto foi lido, ao non poder estar presente por razóns profesionais), Xosé Barral Sánchez e David, o teu fillo. Nunha data especialmente querida por ti, o 14 de abril, a Universidade de Santiago outorgouche a súa Medalla de Ouro, que recolleron Merche e David o teu irmán Jacinto e a túa irmá Concha. O acto estivo presidido polo reitor, acompañado de Xesús Vázquez Abad, Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Manuel Puga Pereira, presidente do Consello Social da Universidade, Xosé Luís Méndez Ferrin, presidente da Real Academia Galega, Lois Ferradás Blanco, decano da Facultade de Ciencias da Educación, Antonio Rodríguez Martínez, director do Departamento de Teoría da Educación, Historia da Educación e Pedagoxía Social, e Vicente Peña Saavedra, que se encargou da laudatio. Todos eles fixeron uso da palabra para loubar, cada un ao seu xeito, os teus méritos como persoa comprometida, como docente, como investigador, como escritor. Tamén houbo música, galega e cubana, a cargo de Uxía Senlle, e distribuíuse entre os asistentes un libriño da túa autoría, reeditado pola Universidade de Santiago, que seguramente sería o escollido por ti, de teres a oportunidade de facelo: Memoria crítica da escola desde a Universidade: historia mínima dun curso especial na USC.