Naceu no barrio do Calvario (Vigo) o 14 de outubro de 1964.
Traballou nos servizos informativos de Radio Popular de Vigo e Radio Noroeste. Foi correspondente en Vigo da Axencia Galega de Noticias e do desaparecido xornal madrileño El Sol. Colaborou n’ A Nosa Terra, Tempos e Novas da Galiza.
Dende 1989 traballa na Radio Galega, primeiro na delegación de Vigo onde, xunto con Rosa Martínez, bota a andar o Trecolas, primeiro programa da emisora pública galega que se realiza dende unha delegación. En 1992 incorpórase á redacción central da Radio, en Santiago de Compostela, onde desenvolveu tarefas como redactora en distintos servizos informativos e no Diario Cultural. Posteriormente dirixiu e presentou os programas Andando a Terra, Club Cultura e Expresso de Medianoite. Traballa nas seccións de cultura e sociedade dos servizos informativos da Radio Pública de Galicia. Ademais do seu labor profesional, na Radio Galega desenvolveu tamén labores de carácter sindical, formando parte en diversas ocasións do Comité de Empresa da Radio e ocupando o cargo de presidenta do Comité Interempresas da CRTVG e as súas sociedades, no que destacou na denuncia da manipulación informativa en relación con sucesos de marcada relevancia para a sociedade galega, como foi o caso do afundimento do buque Prestige.
Colaborou nas revistas feministas Festa da Palabra Silenciada e DeLiberadaMente e formou parte do consello de redacción da revista antimilitarista Ar!.
No ámbito literario presentouse “de maneira serodia”, como ela dicía, máis con intensidade e cunha voz propia que a levaba a revisitar en clave feminista e contemporánea os mitos clásicos. Con dúas novelas Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle, e conseguiu en só tres anos unha linguaxe propia que a situou entre os principais nomes da literatura dos nosos días. Confesábase herdeira das mulleres contadoras de historias, das avoas que non eran quen de poñelas por escrito, o que ela facía maxistralmente, conseguindo o aplauso de lectoras e lectores e da crítica que, en pouco tempo, lle otorgou premios como o Ánxel Casal, o premio da AELG, o Losada Diéguez ou o da Crítica da narrativa galega. Fuxía da actualidade, comentaba, aquela que a desesperaba na súa faceta de xornalista. “Pretendo coa miña obra ofrecer vimbios para facer un cesto novo, cun discurso contra o poder. Trátase de reivindicar a responsabilidade. Eu non vivo soa no mundo, o que fago, desde o propio consumo cotiá, ten consecuencias, tamén para outras persoas e diso teño que ser consciente”, comentaba.
“Considero o feminismo como un humanismo global. Poñer as gafas lilas é poñerte na pel de quen padeceu a exclusión, non falar desde a historia narrada polos vitoriosos, senón de quen sufriu a exclusión por ser considerad@ menor e secundari@”, defendía Begoña Caamaño, da súa maneira activista de situarse no mundo.
Un cancro levouna por diante, logo de varios anos de loita, o pasado 27 de outubro.