Encaramos o último Faladoiro de 2014 cunha obra que non deixou a ningunha das participantes indiferentes. Falamos en feminino porque o único home que adoita acudir ás reunións escusou a súa presenza argumentando unhas merecidas vacacións lonxe do fogar, aínda que algúns paisanos declarasen que se lle viu polo bar “Encontro” a altas horas da madrugada do día de autos. Pero non seremos nós as que xulguemos a súa ausencia, porque aquí viñemos a falar de “A Voz Durmida”, a marabillosa obra de Dulce Chacón que desencadeou intensos debates arredor dos grandes temas do libro; e é que “A Voz Durmida” conta a historia dun grupo de mulleres republicanas no cárcere durante a posguerra. Temas cuxa vixencia e controversia seguen en pé hoxe en día, nalgúns casos con máis forza que nunca. E así, entre discusións (bastante tensas en ocasións) sobre os bandos, a república, o franquismo, a lei da memoria histórica e o papel da muller no século XXI entre outros, fomos debullando unha obra na que só estivemos de acordo no que nos gustara, emocionado e feito pensar a todas.
Premede na foto e accederedes ó pdf co resumo desta intensa xornada.
Para o seguinte faladoiro enfrontaremos a un dos grandes do noso tempo : Gabriel Garcia Marquez co seu “El amor en los tiempos del colera”…pero esta será xa no ano próximo .
Mentres tanto, dende este faladoiro literario, queremos desexarvos un bo nadal, e que o papa noel, que aqui en Galicia, especialmente no interior, ten un primo maior que se coñece como o apalpador, os reises , ou calquera familiar, amigo etc, vos regalen cando menos un bo libro ou dous. Miramonos a volta do nadal.