Relativismo e relatividade
O concepto de absoluto tivo orixe no ámbito relixioso co intento de explicar a existencia e a orixe do Universo “en que vivimos, estamos e somos”. O absoluto era como unha última causa do mesmo.
Os homes primitivos recoñecían unha personalidade propia detrás de cada fenómeno. Todo obxecto externo era manifestación dalgún poder que non dependía del: un poder inmaterial, un principio activo. En xeral, consideraron que o trazo máis dominante da existencia era o sol. O sol era a fonte da vida, o principio activo supremo, o demiúrgo ou deus creador de todas as cousas.
En Mesopotamia Anu, o “señor do ceo”, foi considerado a fonte de toda lei e de todo orde. En Exipto dicíase que Atum, o deus-sol, foi autocreado e por medio do seu pensamento e da súa palabra fixéronse todas as cousas. (Despois foi convertido en Ra-Atón e, máis tarde, en Amón-Ra). Os pobos semitas tiñan a El como “o altísimo Deus”, logo suplantado polo seu fillo Baal, deidade “rei do ceo”, autor da creación e supremo xuíz. Os hebreos, da rama occidental dos semitas, transformaron a El ou Eloah, mediante un plural de respecto, en Elohim e aplicáronlle os atributos a Yahvé, como exclusivo “deus de Israel”.
“Ao principio creou Elohim (Yahvé) o ceo e a terra…”. –Xn. 1.1-
Hai case dous mil cincocentos anos, un home chamado Heráclito de Éfeso (540-480 a. C.) compuxo un revolucionario tratado filosófico: “Sobre a natureza”. El era sacerdote do templo da deusa Artemisa (un dos santuarios máis importantes da antigüidade, que tivo unha influencia singular na relixión cristiá) e dedicou a esa deusa a obra en que expoñía a súa doutrina.
“O mundo é un e non foi creado por ningún deus, nin por ningún home, senón que foi, é e será un lume eternamente vivo, que arde segundo unha lei e se apaga segundo unha lei”.
Para Heráclito “o elemento material fundamental é o lume”. A partir deste primeiro elemento “foron aparecendo, por medio de sucesivos cambios –metamorfoses– a auga, a terra e todas as demais cousas e, mediante un proceso inverso, todo volverá ao lume e se consumirá nunha fogueira universal”. “Por iso, todo cambia constantemente, todo flúe –panta rhei-, todo é devir”. A realidade hai que entendela como proceso ou cambio.
No ámbito filosófico, o relativismo rexeita tada verdade absoluta. A continuación de Heráclito, o filósofo Protágoras (485-410 a. C.), no seu escrito sobre a verdade expresou o principio: “O home é a medida de todas as cousas”.
Pasaron os séculos e hai uns catrocentos anos, Galileo Galilei (1564-1642), profesor da universidade de Padua, astrónomo, físico, inventor do microscopio e do telescopio, modificou os conceptos da física clásica co principio de relatividade restrinxida, negando o carácter absoluto do tempo e da distancia. H. A. Lorentz, en 1896, formulou matematicamente as referencias de Galileo.
Foi Albert Einstein quen revolucionou todos os conceptos da física ao presentar en 1915 a teoría da relatividade xeral, desenvolvéndoa matematicamente, que “describe un Universo que non é estático”.
En 1927 George Lamaître, cura católico belga, deduciu a lei que simboliza a expansión do Universo. Pero ademais pensou que, nun principio “tiña que haber sido moi pequeno, ata rematar nun punto, o punto da orixe”. De aí que falemos hoxe do Big Bang (ingl. gran estoupido), a inicial explosión da enerxía que deu orixe ao Universo en que vivimos e do que formamos parte. Os ecos desa explosión primixenia, orixinada hai millóns de anos (contando en unidades do noso tempo) aínda resoan nos eidos do Universo e poden rexistrase na actualidade.
O 10 de novembro é o Día Mundial da Ciencia para a Paz e o Desenvolvemento. Con esta celebración a ONU pretende acercar a ciencia á sociedade para que todas as persoas teñan os coñecementos científicos necesarios para a súa vida:
“A ciencia é a ferramenta que creou o ser humano tanto para comprender o mundo que o rodea como para aplicar eses coñecementos en beneficio seu…”.
Hermar Ron Dagan