Achegas. Hernando Martinez: Topónimo Casaldarnos.

Vivir en Casal de Asnos

Os de Casal de Asnos

boa xente é,

andan sempre a gatas

e nunca de pé.

Levan posto un rabo

e orellas tamén

e tocan a frauta

soprando ao revés.

Nin curas nin frades

predican a fe

e corren o entroido

desde o Santo André.

Vivir nesta aldea

que bonito é;

 vivir nesta aldea

da gusto e pracer…

 

   Son veciño do lugar de Casaldarnos, na parroquia de Santa Baia de Ribadumia. Hai pouco tempo asistín á presentación dun proxecto cultural aos escolares de Ribadumia para recoller e poñer en valor a toponimia e a microtoponimia do territorio municipal. Estaban presentes, ademais de min, ao redor duns cincuenta rapaces e rapazas, tres profesoras do colexio e o que dirixía a reunión. Se non entendín mal, este era técnico dun organismo oficial da Xunta de Galicia, que non sei precisar agora.

   O técnico explicou o proxecto e o programa, animando aos escolares a participar. Dixo que xa estaba funcionando noutros colexios de varias localidades galegas, que mesmo as foi nomeando.

   Avanzado o tempo e despois das explicacións que considerou oportunas, abriu un coloquio cos oíntes e animounos a que preguntasen sobre calquera dúbida ou cuestión que quixesen saber.

Un rapaz preguntou: – Que quere dicir Sucasa, o lugar onde vivo?

Pois, está claro; debaixo da casa, respondeu o interlocutor.

Como?

Si, a parte baixa dunha casa. O piso baixo, antes do primeiro piso…

   Eu non me contiven e fixen publicamente a aclaración que Sucasa ou Socasa referíase a un lugar ou aldea situada nun terreo inferior a onde estaba a “casa grande” dos propietarios daquelas terras. Concretamente, trátase dunha aldea da parroquia de Leiro, onde en tempos pasados vivían os criados e parceiros dos donos do Pazo do Monte, situado nun nivel máis elevado que o lugar…

E que quere dicir Casaldarnos?, preguntou outro rapaz.

Pois, como podes ver, quere dicir Casal de Asnos, respondeu o interpelado

De asnos ou burros, quere  dicir?…

   Eu non daba crédito ao que estaba a oír, pero contiven o xenio e calei. Segundo aquel, o significado do actual topónimo Casaldarnos viría de “Casal de Asini” (Lt. asinus, -i : asno). Baia por todos os demos e animais cuadrúpedes! Ben que en latín “asinus” tamén significa estúpido, necio, ignorante, persoa de pouco entendemento; palabra e significado que nesta ocasión viña ben aplicarlle como cualificativo ao que tal resposta deu (insisto, non o coñezo de nada). E por rebaixar a cualificación, para non ser tan áspero, eu diríalle: “oves carpunt herbas” –en romance galaico: as ovellas pastan as herbas-. E os asinus tamén.

   Esquecendo ese recordado episodio, aproveito para intentar explicar a posible significación do topónimo Casaldarnos.

   En galego un “casal” fai referencia a unha casa labrega ou unha propiedade rústica. Pero tamén ten unha significación colectiva: un conxunto de casas que forman un grupo, particularmente no campo. Con este significado tamén se emprega a palabra “quinteiro”: grupo pequeno de casas agrupadas, separadas do resto da aldea. E “quinteiro” tamén se denomina a praza pública ou terreo no centro dunha aldea. Pois ben, na aldea de Casaldarnos aínda hoxe hai o quinteiro, un eirado ou praza pequena entre as casas.

   O topónimo Casaldarnos evidencia unha palabra comporta de tres vocábulos:

Casal – d – arnos.

   O primeiro deles –casal”– ten orixe na voz latina “casa, -ae”, que facía referencia a unha cabana, unha construción rústica, para vivir (“casae humiles”, cabana de teito baixo, ás veces feita con paus, canas, etc.). Tamén recibe os nomes de chabola ou choza. Os romanos chamábanlle “domus” ao que nós hoxe dicimos casa (“domi nostrae”, na nosa casa; “in domo sua”, na súa casa). Así pois, casal é un substantivo latino, rematado co sufixo –ale: casale. En galego este sufixo quedou en –al.

   Despois do primeiro vocábulo do topónimo aparece a preposición de ablativo “de”, coa elisión ou supresión da vogal final, por comezar tamén por fonema vocálico a seguinte palabra. Esta preposición denota relación de procedencia ou orixe.

  O derradeiro elemento da composición do topónimo, “arnos”, pode ter dúas explicacións diferentes. Unha vería a orixe no baixo latín arenariu (Lt. area, -ae, superficie ou lugar chairo).

    Arneiro aínda hoxe é unha terra areúda e estéril. Nun documento do rei Afonso III do ano 893 (citado por López Ferreiro, Historia de la Iglesia de Santiago) fálase dunha “villa quam dicunt Arenosium juxta fluvium Tena”, que parece situarse na parroquia de San Lourenzo de Arnoso, concello de Ponteareas. Nesta liña, o noso topónimo tería o significado de lugar areoso, abundante en xabre, unha terra areúda ou con barro.

   Segundo os filólogos as palabras Arnosa, Arnoso, Arnego e Arnoia (ríos), Arnoba e Arnois teñen unha procedencia anterior ao latín. A súa orixe está nas linguas lígur ou ilirio-lígur, preceltas indoeuropeas, que falaban antigos pobos que habitaron nestas terras en tempos prehistóricos, de canda o neolítico. Respectados polos habitantes posteriores, persistiron en moitos dos nosos topónimos ata a actualidade.

   Non obstante, no noso caso, a min paréceme que pode haber outra explicación máis axeitada. O vocábulo “casal” fai referencia a unha vila ou granxa ou quinta, unha propiedade rural, con casa e terras ao seu redor. A preposición “de”, intercalada no topónimo, indica unha relación xurídica cunha persoa determinada. Esta sería un “possesor”, un colono que cultiva unhas terras arrendadas e adoita vivir nelas.

   Penso que debo aclarar esta circunstancia histórica. Tras a conquista da Gallaecia polo Imperio romano, este apropiouse (adquiriu o “dominium” ou propiedade) do país. O Estado reservouse en exclusiva a explotación das minas e dos bosques, cedendo a explotación do resto do territorio a “possesores”, que pagaban un canon por esta cesión temporal. Estes colonos –moitos deles soldados licenciados, coas súas familias, oriúndos de pobos tributarios do Imperio ou de fóra del- asentáronse na terra, levantaron explotacións agropecuarias e deron nome aos lugares do seu asentamento.

   Neste suposto, Casaldarnos respondería en orixe a Casal de … Arnosus (?). O nome non era latino, pode ser que suevo ou visigodo ou doutro pobo, pero sigue a liña toponímica de Casdemiro, Casalálvaro, Casaldares, Casaldárigo, etc. Para corroborar a realidade desta hipótese, habería que ver na antroponimia –nomes das persoas- céltica ou xermánica e dar co nome do titular posesor. Tamén hai que contar que o tal nome puido sufrir alteracións vocálicas, por latinización ou polo uso vulgar da palabra no transcurso histórico.

   Chegados a este punto, “podemos afirmar e afirmamos” que o topónimo Casaldarnos non ven de “Casal de Asnos”. Asinus é toda aquela persoa faladora –falabarato- que en toponimia, descoñecendo a historia e a ciencia filolóxica,  “toca a solfa de oído”, descoñecendo a partitura musical.

E xa que falamos de músicas, disque de vello se cantaba nesta aldea:

As de Casaldarnos,

cando van co gando,

espichan a vara

e bailan o tango;

e bailan o tango

e máis a muiñeira,

as de Casaldarnos

cando están na eira…

Os de Casaldarnos

sempre andan de pé.

Vivir nesta aldea

que bonito é.

Ron Dagan –Hernando Martínez Chantada

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s