Este pasado sabado 15 de Febreiro tivo lugar no pavillón de Barrantes a 10ª xornada da Conferencia Rias Baixas da Liga Nacional de Billarda. Como xa ven sendo habitual na xornada que corresponde no concello de Ribadumia, a entidade organizadora da proba na localidade, a Asociación Cultural Herminio Barreiro, xunto co equipo local, os Casilledín Umia, organizaron un xantar previo de confraternización, onde moitos dos xogadores de diferntes equipos compartiron experiencias o redor da mesa, antes de achegarse o pavillón e medir as habilidades de cada palanador e palanadora, que foron un total de 81, o cal demostra a aceptación que a Billarda ten entre as nosas xentes, e que ano a ano aumenta.
A xornada, inda que como todas as desta liga, era aberta a todo aquel que quixera participar, estaba enmarcada dentro da liga que se ven celebrando por todo o Salnés, Pontevedra e parte do Barbanza dende setembro, e que terá punto final na gala que esta prevista para Maio, coincidindo coa última xornada ligueira. A participación de , como dixemos 81 xogadores, transcorreu coa normalidade habitual, mais o terreo de xogo, en patio cuberto, e pista de pavillon, moi rapida, propiciou un bo numero de varados (cruzar a liña de meta do terreo de xogo, a 50m da saida, dun solo golpe) e equilibrou o nivel dos participantes, pois os que habitualmente golpean mais forte neste tipo de pistas vense prexudicados precisamente por esa forza, que lles leva a lanzar as billardas moi lonxe si, pero a miúdo fora dos marxes da meta marcada. O gañador absoluto da xornada foi Lito Iglesias, mentres que Elena logrou o primeiro posto feminino, e Enrique Oubiña e a xoven Sofia alzaronse co trofeo de mellor xogador/a local.
Como exemplo deportivo a salientar o do xoven Elias, que chegou pedindo participar con esa mezcla de vergoña e descaro que solo os nenos teñen, e sen haber collido un palán na súa vida, nin coñecer as normas do xogo, acabou levándose o trofeo como segundo clasificado infantil, cuxo primeiro posto obtivo Brais, e sorprendendo a propios e estranos, demostrando a democracia deste xogo,onde calquera pode participar e mesmo ganar.
Para a nosa asociación ten gran importancia de poñer en valor este tipo de xogos tradicionais, que a diferenza doutros deportes permite a persoas de diferentes xeracións participar conxuntamente, sen ningún tipo de discriminación nin de idade nin de sexo nin de ningún outro tipo, o cal supón, especialmente para os mais novos, un gran a porte de valores positivos. Dende a Asociación Herminio Barreiro, traballamos para que estes xogos tradicionais, por todo o seu valor cultural e polos valores que aportan as persoas, recuperen o seu lugar na nosa sociedade, facéndose un oco entre consolas e fútbol.
Ademais disto, queremos agradecer a colaboración de todo o equipo Casilledin, que non solo están a realizar unha moi boa liga, dandolle sen dubida coa súa alegria outra cor a competición, se non que ademais se volcaron coa organización desta xornada, facendo que fora posible e que saise todo tan ben. E en especial a Tere e Sergio, que realizaron manual e artesanalmente os trofeos e os xogos de tres en raia que levaron todos os nenos participantes, un detalle diferenciador co que conseguiron que o recordo que os palanadores e palanadoras se levaron para a casa fose moi positivo.
Deixamosvos o video realizado polos compañeiros da Liga Nacional de Billarda, mais algunhas fotos da xornada, no album que acompaña este artigo, por cortesia entre outros de Manolo Castro e do imparable Martiño.
https://www.dropbox.com/sh/cpcc7uo1zq7prpd/AACeglBkmV6_98TdGM4IoOPja?dl=0
O Meu agradecemento por toda a lavor que facedes, por me deixar ser partifice do voso esforzo e adicación, por o agarimo con que nos tratades. Como sempre i en todo lugar…. sin xente como vos non haberia nada….
Gracias a ti e a toda a familia da billarda, entre todos estamos facendo unha enorme laboura. Apertas.