No día das Letras Galegas: unha aproximación a Xosé María Diaz Castro

A Xosé Maria Diaz Castro, adicaselle o Día das Letras Galegas deste 2014, ano que coincide con primeiro centenario do seu nacemento. Dende a Asociación Herminio Barreiro queremos facerlle honra con este artigo sobre a súa vida e obra.

jose_m_diaz_d_castro   Poeta e tradutor natural da parroquia dos Vilares (Guitiriz), onde naceu no seo dunha familia labrega en febreiro de 1914, inda que morou grande parte da súa vida en Madrid, onde se desempeñou como funcionario público. Retornou á súa terra natal a principios da década dos oitenta do século pasado. Daquela puxo casa na vila de Guitiriz, onde morreu en outubro de 1990.

   Educado na escola “habanera” que promovera na parroquia a sociedade de instrucción “Villares y su comarca“, constituída en La Habana en 1912, formouse logo no seminario conciliar de Mondoñedo, onde ingresou en 1929. Alí, alén de cursar os estudos regulamentados da carreira eclesiástica case ao completo, comezou o seu interese polas linguas e deu os primeiros pasos na escrita literaria, dirixindo unha revista escolar e publicando o seu primeiro texto en lingua galega no xornal chairego El Progreso Villalbés no ano 1931. Nesta etapa mindoniense tamén se familiarizou coa densa tradición literaria, nomeadamente poética, que floreceu daquela, no ronsel de Leiras Pulpeiro e de Noriega Varela, na cidade do Masma a través de figuras como Crecente Vega, Iglesia Alvariño, Alvaro Cunqueiro ou Diaz Jácome.

   Pasados os anos da guerra civil, que cumpre na retagarda no Hospital militar de Pontevedra, e despois dun fugaz retorno ao seminario mindoniense, comeza a súa etapa de profesor de linguas no colexio privado León XIII de Vilagarcía de Arousa, onde foi chamado por Iglesia Alvariño. En 1948 gañou praza de funcionario público e ingresou como tradutor no Ministerio da Gobernación. Posteriormente, exerceu en diversos organismos oficiais (Instituto de Cultura Hispánica, Consello Superior de Investigacións Científicas), ata a súa xubilación e final retorno a Galicia.

Aínda que a súa vocación literaria abrollou durante a súa mocidade, a expresión escrita da mesma demorou moitos anos en se manifestar. Na década dos corenta gañou o primeiro premio de Poesía galega nos “Juegos Florales de Betanzos” de 1946 cun “tríptico á groria da betanceira” e, nos anos cincuenta comezou a publicar algúns poemas en revistas como Alba, dirixida por Ramón González-Alegre, quen consideraba a Díaz Castro como “un poeta de verdade“, o máis sólido dos que colaboraban na revista. Nesta publicación deu a lume sete poemas, entre eles o máis famoso do autor, “Penélope” (Alba, nº 4, 1950). En 1955, Francisco Fernández del Riego inclúe algúns poemas de Díaz Castro na súa antoloxía Escolma de poesía contemporánea, IV. Os contemporáneos (Galaxia, 1955), o que constitúe un paso decisivo para a definitiva incorporación do poeta ao sistema literario galego.

   Esta incorporación foi obra de varios amigos, algúns deles moi vinculados ao proxecto da editorial Galaxia, que o animan de forma constante a escribir versos que poidan conformar un libro. Aínda que se sente satisfeito e mesmo “orgulloso” do apoio que lle prestan “los escritores paisanos míos“, entre os que menciona a Carballo Calero, Piñeiro e Celso Emilio, alén de Iglesia Alvariño e de González-Alegre (carta a Fernández del Riego do 14.5.1959), o certo é que tarda en dispoñer de orixinais: “desde los tiempos de ALBA, no he escrito ni una línea y el original de que disponía no era suficiente para la extensión de un libro normal“.

descargaO tal libro acabaría por ser Nimbos, un poemario que veu a lume en Galaxia a mediados de 1961 e que consagraría a Díaz Castro como un autor poético singular no contexto da literatura galega de posguerra, que abaneada entre o lirismo intimista de autores xa consolidados como Iglesia Alvariño (Cómaros verdes, 1947), as achegas dos novos como Novoneyra (Os eidos, 1954) e o realismo social que se abría paso na emigración en poemarios como os de Luís Seoane (Fardel de eisiliado, 1952) e moi logo na Terra coa obra rompedora de Celso Emilio (Longa noite de pedra, 1962). Neste panorama, a poesía de Diaz Castro ten un perfil claramente plural, sen caer no eclecticismo. Non responde ao canon realista –malia que non fique nunha torre de almasí- nin tampouco ao máis común de carácter ruralista ou etnografista que acompañou a renacenza poética da primeira postguerra, salientando a súa poesía pola economía expresiva, depurada técnica, intimismo e, desde logo, un fondo espiritualismo cristián que se combina cun certo panteísmo.

Nimbos é un libro breve, que consta de 32 poemas, agrupados en sete epígrafes (“Pórtico“, “Noite“, “Lus“, “Espranza“, “Milagre“, “Sono“, “Ferida“) que, con todo, amosan unha grande coherencia e homoxeneidade, como propia dun autor maduro e de elaboración poética moi demorada. A súa lingua é coidada, se ben incorpora moitos dialectalismos chairegos, que o propio autor aclara nun glosario final tanto en Nimbos como noutras entregas poéticas. A recepción que a crítica coetánea fixo do libro foi entusiasta, como mostran as recensións de R. Otero CapturartrPedrayo, Carballo Calero, A. Cunqueiro, R. Lugrís, X. M. Álvarez Blázquez ou X. L. Franco Grande. Este aprecio foi constante en toda a historia da literatura galega contemporánea de modo que podería dicirse, con X. L. Méndez Ferrín, que Nimbos representa “un dos cumes da poesía galega posterior á guerra civil”. Dentro desta obra, cómpre salientar o poema “Penélope“, pola súa condensada e radical descrición de Galicia como unha tea que se está a facer e desfacer de modo constante.

A obra poética de Díaz Castro en lingua galega posterior a Nimbos é fragmentaria e parcialmente ficou inédita. Só nos anos oitenta, co seu retorno físico a Galicia, comezou a publicar en revistas poéticas como Dorna, onde aparecerían varios poemas seus, vellos e novos, que manterían o autor como un mestre poético para as novas xeracións agrupadas ao redor desta publicación, que dirixía Luís González Tosar. Se a Díaz Castro, como di un dos seus poemas con ecos de Aquilino, “a beleza feriume para sempre“, tamén o seu legado poético deixou unha marca indeleble na poesía galega da segunda metade do século pasado.

     Alén de creador literario, Díaz Castro foi un constante tradutor, tanto por necesidades profesionais como por

vocación literaria. El, que consideraba a tradución como unha operación de notable dificultade, “un xeito de recreación” que precisaba tanto de ciencia como da arte, acometeu a tradución ao galego ou ao español (e mesmo desde estas dúas linguas a outras como o inglés e o francés) de textos poéticos de autores galegos como Rosalía, Iglesia Alvariño, Bouza Brey ou el mesmo; de autores españois como Federico García Lorca ou Rafael Alberti e, naturalmente, de diversos creadores da literatura occidental como R. M. Rilke, W. Whitmann, A. Rimbaud, W. B. Yeats ou Paul Valèry.

   Neste labor de tradutor é de salientar a súa participación en proxectos literarios de promoción exterior da literatura española, na que ao carón de autores en lingua castelá estivesen presentes textos procedentes das diversas linguas de España. Nun deses proxectos, dirixido polo galego Ramón Martinez López, Image of Spain (The University of Texas, Austin, 1960), colaborou co envio de varios poemas de seu e textos doutros poetas, como o vasco “Xavier de Lizardi” que, infelizmente, non foron finalmente publicados, aínda que o aprecio que o editor amosou polos poemas de Díaz Castro foi moi grande. No seguinte proxecto, a súa presenza foi máis afortunada, pois colaborou moi estreitamente coa profesora e crítica Françoise Pechère para compoñer o volume Terre d’Espagne (Bruxelles, 1968), no que están incluídos poemas dos cancioneiros trobadorescos, de Rosalía, Bouza Brey, Aquilino Iglesia Alvariño, Celso Emilio e o seu “Penélope“, a carón de poemas vascos, cataláns e unha grande variedade de autores en lingua castelá, tanto do interior como do exilio. En ambos casos, do que se trataba era de representar nesta escolla poética a diversidade cultural de España pois, como subliña F. Pechère no prefacio, “cadaquén vai cantar a súa terra, a súa rexión propia, e con canta emoción!”. Díaz Castro contribuíu brillantemente a tornar máis visible a tradición literaria galega.

thCA1DRM0W

 

 

 

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s