Hola a todos e todas,
Cmoo xa debedes saber, hoxe, venres 20 de Novembro, terá lugar no “Encontro” (Barrantes) o Concerto Solidario. Aquí vos deixamos o comunicado de prensa e unha foto da presentación do evento:
III Concerto Solidario a favor da Fundación Amigos de Galicia organizado pola Asociación Herminio Barreiro
A Asociación cultural Herminio Barreiro de Ribadumia xunto con O Encontro (Barrantes, Ribadumia) organizará mañá venres 20 de novembro a terceira edición do Concerto Solidario a favor da Fundación Amigos de Galicia.
A idea inicial deste evento naceu da man da Asociación Herminio Barreiro que se creou no ano 2012 con tres pilares ben diferenciados que a sustentan: o social, o cultural e o deportivo. O Concerto Solidario é unha das actividades principais nas que traballan os membros da asociación co obxectivo de recadar fondos destinados a compra de alimentos de primeira necesidade que se entregarán a Fundación Amigos de Galicia, entidade que ten como misión garantir a axuda aos colectivos con limitación económicas e sociais, facilitando cobertura das necesidades básicas.
Na edición do ano pasado conseguíronse recadar máis de 1.000 €, cifra que se estima alcanzar este ano, grazas tamén as colaboracións solidarias dos tres grupos que maña venres se subirán o escenario na cervexería O Encontro:
22:00 h – Lookin’ at Cuenca: Dúo “músicohumorístico” formado por Moncho Núñez e Manolo Abuín, formado para a causa, que nos ofrecerán unha actuación canto menos peculiar combinando curiosos temas en formato acústico con humor.
23:00 h – Doen: Banda revelación da zona deste 2015 formada por músicos de grupos como Noite Fechada, Nueroband, Borderline79, Undertown ou Fungo. Pura enerxía e un directo cheo de forza é o que nos ofrecen co seu rock progresivo de creación propia e letras de Manuel Seixas.
00:15 h – Leda Atómica. Grupo cambadés de recente creación cunha proposta diferente a practicamente todo o que se ten escoitado, formato acústico con guitarras, violín, caixón, baixo acústico, letras traballadas e profundas cargadas de ironía e mensaxe.
A entrada será voluntaria e irá destinada integramente á causa. Ao mesmo tempo as consumicións terán un recargo de 50 céntimos (tamén de carácter voluntario) para axudar a encher os botes.