Pouco a pouco os contidos da nosa web van aumentando. Con este artigo abrimos un novo espazo, denominado “achegas”, onde agardamos contar con diferentes colaboracións que nos axuden a coñecer máis da nosa historia e da nosa cultura.

E para por en marcha esta nova sección, temos a sorte de contar con Hernando Martinez, un historiador local que de xeito eventual nos ofrecerá algún artigo que considere de interes, e que serviran para achegarnos aspectos pouco coñecidos da nosa historia. E para exemplo, este primeiro artigo, onde Hernando nos rcorda que neste concello tivemos unha moi dinamica Sociedade de agricultores, que axudou moito na mellora das condicións no campo, e que nos traen ecos dunha unidade social hoxe dificil de imaxinar.
A continuación, o artigo titulado “No país da desmemoria”, que poderedes achar, xunto a resto de artigos que Hernando Martinez nos aporte, na sección “Achegas. Hernando Martinez”.
No país da desmemoria
I. Mirar atrás.
Esquecer quere dicir non lembrar, non recordar, non ter algo na memoria. Con frecuencia, o esquecemento ou desmemoria ven dado pola falta de afecto ou de interese dos individuos respecto dunha persoa, un obxecto, un feito ou acontecementos pasados. A sociedade actual está mergullada na dinámica da informática e da globalización e excitada e exaltada circunstancialmente polas novas tecnoloxías. De aí que, nestes tempos, a mirada cara ao pasado é moi limitada. Xusto ao revés do acontecido ao longo de milenios da humanidade, en que a transmisión do pretérito –ideas, crenzas, costumes, artes e técnicas- sustentou o decorrer das sociedades humanas ao longo da historia. Xa que logo, non debiamos esquecer que o noso presente se asenta no pasado e que nese substrato nutricio temporal enraíza o devir do futuro.
Sirva esta introdución como xustificación temática para o meu achegamento a este portal de comunicación. Vou tentar expoñer periodicamente sinxelos temas que axuden a conformar o mosaico histórico dos nosos devanceiros que habitaron esta Terra do Salnés nas fermosas ribeiras do Umia.
II. O contexto histórico.
No derradeiro terzo do século XIX orixinouse en Galicia un movemento campesiño, o primeiro de España, que supuxo a maior mobilización social do país ata os tempos de hoxe. Coñécese como o “movemento agrario” ou o “agrarismo”.
No campo galego dominaban “prácticas rutineiras e atrasadas”. As melloras das comunicacións e os transportes terrestres co ferrocarril e os marítimos cos barcos a vapor orixinou unha fonda crise económica no país. Caeron as exportacións de gando a Inglaterra e chegaron produtos foráneos que arruinaron as tradicionais manufacturas téxtiles de carácter artesanal. Daquela espertouse unha gran preocupación pola situación do campo e a economía das familias campesiñas e xurdiu a aspiración dunha “agricultura á moderna”, de labregos alfabetizados e asociados. “A ciencia aplicada ao agro, a maquinaria producida pola industria, os produtos minerais e químicos e a divulgación da información, foron tecendo un contexto propicio para mellorar o rendemento agrogandeiro”.
O agrarismo tiña como obxectivo, entre outros, acabar cos restos dos privilexios feudais que aínda subsistían daquela. A súa acción primordial centrouse na loita contra os foros: tradicionais arrendamentos hereditarios das terras de labor dunha familia labrega (posesores) mediante o pago dun canón ou pensión anual aos “titulares históricos do dominio” ou propietarios delas. Primeiramente trataron, mediante diversas formas, de “redimilos” e, máis tarde, de “abolilos”. “Os que traballan a terra quérena para eles”.
Cómpre recordar que este movemento comezou coa organización das “contratas do gando”. Eran estas unhas mutualidades voluntarias nas que os seus membros pagaban unha cota para asegurárense unhas prestacións ante determinados riscos ou adversidades. Os máis vellos aínda recordamos a existencia daquelas “contratas” ata mediados do século XX. O meu avó Pepe levaba os libros dunha delas, que reunía anualmente o seu gando, para taxalo, no antigo feiral da carballeira de Bouza Martín, en Barrantes.
Estas mutuas gandeiras deron pé á creación das “sociedades de labradores”, que foron xa movementos sociais reivindicativos e loitaron pola distribución xusta dos “consumos” –impostos municipais sobre comestibles e outras cousas-, pola defensa do labrego e pola mellora da produción agrícola. Algunha destas sociedades convertéronse despois en sindicatos agrarios.
III. A sociedade de Agricultores do Umia.
En Ribadumia existiu unha dinámica sociedade de agricultores, coñecida popularmente como A Sociedade e co nome oficial de “Sociedad de Agricultores del Umia”. Descoñezo a data da súa fundación, a identidade dos seus membros e a composición dos seus órganos reitores, pois non dispoño de documentación ao respecto. Poida que esta se perdese por algunha causa ou fose incautada nos infaustos tempos do golpe militar contra a democracia, que deu pé á tráxica guerra civil e á posterior abafante ditadura franquista. Neste tema, as miñas fontes históricas son as orais (escoitando de neno as conversas dos maiores) e os testemuños materiais que persisten hoxe en día.
A Sociedade tiña casa de seu, cando aínda o mesmo Concello de Ribadumia carecía dela e andaba de prestado, deambulando as oficinas municipais por diferentes lugares. (Daquela estaban na aldea da Bouza, na parroquia de Lois). A casa da Sociedade situábase no ámbito da aldea de Rabuñade, nun predio á beira do camiño que ía cara á esclusa, unha antiga e grande presa ou encoro para almacenar a auga para regar. Actualmente discorre por diante dela a estrada de Noalla a Caldas de Reis.
A Sociedade instituíu como padroeiro relixioso a santo Isidro Labrador. Celebrábase a súa festa anual a mediados do mes de maio, na que se mesturaban festivamente diversos elementos civís e relixiosos. A imaxe do santo estaba gardada no local social e o día da festa era levada en procesión ata a igrexa parroquial de Santa Baia de Ribadumia, onde celebraban unha misa solemne na súa honra.
Polo que teño oído aos meus devanceiros, a Sociedade asumiu a loita contra o réxime foral: un sistema de propiedade rural de carácter monástico e señorial, apropiado despois por intermediarios fidalgos e burgueses e que viña sendo un atranco para o desenvolvemento da agricultura do país. Pretendíase (como levo dito) que os posesores dos predios se convertesen, previa indemnización, en propietarios plenos das terras que traballaban. Ademais, tratábase de promover entre os labregos as necesarias reformas agrícolas para mellorar a produción e a comercialización dos produtos e, en definitiva, a rendibilidade económica das explotacións familiares.
A Sociedade tivo unha gran importancia popular e moita influencia na política municipal. Pero as súas actividades reivindicativas levaron a roces e enfrontamentos cos poderes establecidos no municipio e nas parroquias. Foise creando un aire de axitación social e acentuándose a loita contra o caciquismo. Naquela complexa trama política da Restauración da monarquía borbónica tras a frustrada experiencia da I República, a violencia tomou forma en diversas ocasións, sobre todo durante os procesos electorais. En 1896 foi elixido alcalde don José Fariña Varela, dono do Pazo do Monte, coto redondo situado entre as parroquias de Leiro e Lois. Este señor foi un prototipo dos caciques tradicionais, sempre vinculado ás estruturas do poder. Tiña como valedor político a don José María Riestra López, deputado do partido liberal, a quen o rei Afonso XIII elevara ao rango da nobreza en 1893 concedéndolle o título de Marqués de Riestra. Corría a voz que este cacique fora o culpable de ter paralizada ao longo de trinta anos a construción da estrada de Noalla a Caldas, no tramo correspondente ao municipio de Ribadumia, que se rematou finalmente en 1906. Despois de anos como alcalde, o señor Fariña cedeu o cargo ao seu correlixionario Manuel Mougán Mougán, veciño de Leiro, pasando el a exercer de xuíz municipal. Daquela levou as dependencias do xulgado para a súa residencia.
Un incidente que amosa a crispación política daqueles tempos sucedeu en xaneiro de 1914, coa segunda reelección como alcalde de Manuel Mougán. Na sesión da toma de posesión do cargo, en presenza da Guarda Civil, un grupo tratou de impedilo: “catro concelleiros – Manuel Peiteado, Florentino Sineiro, José Vázquez e Ramón Padín-, manipulados polo secretario don Severino Otero, que a veces tomou parte no tumulto, e por don Francisco Fernández, que lles indicaban o que tiñan que facer, abalanzáronse á mesa secundados por máis de corenta individuos dunha Sociedade que a propósito traían consigo…”. O señor Mougán tomou posesión, pero aos poucos días houbo cambio de alcalde, pasando o cargo a Manuel Peiteado Cores, un dos protagonistas do tumulto. No seguinte mes de abril foi asasinado don José Fariña, xuíz municipal de Ribadumia.
A narración destes tráxicos sucesos, pouco máis de trinta anos despois de aconteceren e contados nun ambiente temeroso e de clandestinidade en tempos da represión franquista, quedou vivamente marcada na miña memoria infantil. Segundo contaban os que viviron aqueles feitos, había dous bando enfrontados politicamente. Os intereses do señor Fariña non concordaban cos do movemento agrario nin cos dalgúns curas. Pois en todo aquel acontecer tiveron moito que ver os curas párrocos, Chico Galbán de Leiro, Gondar de la Torre de Ribadumia, Vigo Munilla de Besomaño e García Rodríguez de Barrantes. Parece ser que os de Ribadumia e Barrantes, polas razóns que fosen, estaban en contra do cacique; o de Leiro, a favor nun principio, cambiou posteriormente de actitude.
O asasinato foi executado por un criado doméstico da vítima, baixo os auspicios dos seus adversarios políticos. Deu moito que falar que o asasino, que se apelidaba Souto Pájaro, deixase o cadáver totalmente espido e cun dedo amputado, levando as roupas, o calzado, os cartos e todo o que portaba o defunto. (Falouse de que lle cortara os xenitais e llos metera na boca).
O criminal estivo un tempo fuxido da xustiza e escondido, entre outros lugares, en Barrantes, no lugar da Igrexa, nun muíño de Florentino Sineiro, que estaba casado coa sobriña do cura García Rodríguez. Aos quince días Souto Pájaro foi apresado, incriminado e condenado a cadea perpetua. Confinado no penal de Santoña, en Cantabria, despois dun tempo logrou evadirse do presidio. Uns anos despois o meu avó Benito, nunha das súas viaxes a Arxentina, atopouse con el no porto de Bos Aires.
En 1917 entrou de cura en Ribadumia don Valentín Campos Varela, que se movía nos ambientes sociais e políticos do máis alto nivel e dispoñía de importantes influencias. Era do bando político de Riestra e non encaixou ben cos directivos da Sociedade de Agricultores. En outubro de 1918 don Valentín constituíu o Sindicato Agrícola Católico de Ribadumia, seguindo as directrices da Igrexa Católica e baixo a especial e inmediata dependencia da xerarquía. Con este sindicato pretendía restar protagonismo á Sociedade e implantar a doutrina social da Igrexa, que máis que a “xustiza social” defendía a “economía caritativa” como remedio ás desigualdades sociais na distribución da riqueza. Con todo, este sindicato foi máis virtual que real e careceu de influencia social notable, a non ser o dividir e debilitar o movemento agrario.
No segundo decenio do século XX a Sociedade construíu unha nova sede máis ampla nun predio próximo ao seu domicilio social. En xullo de 1920, sendo presidente da entidade don Aurelio Marcelino Rei García, mestre da escola completa de Ribadumia, e alcalde Ramón Serantes Espremans, o Concello comprou a vella casa da Sociedade por 7.000 pesetas, a pagar en varios prazos. En 1922 o Concello, instalado definitivamente nese local, aínda debía á Sociedade 3.000 pesetas. As dependencias municipais ocuparon ese edificio ata o seu traslado en 1963 á nova casa consistorial, que ocupan na actualidade.
(Considero oportuno facer as seguintes consideracións. Desde o último terzo do século XIX e no decurso dos anos das primeiras décadas do século XX cómpre destacar o grandísimo interese e esforzo pola instrución popular, especialmente das xentes do ámbito rural. Neste labor hai que enaltecer a actuación primordial de notables mestres e a axuda tamén de bastantes curas párrocos. Cando se concertaban as accións do mestre e máis do cura, conseguían transformar profundamente as estruturas culturais e sociais da xente e abríanse portas á modernidade. En Ribadumia, un mestre que tivo moito que ver co desenvolvemento da Sociedade de Agricultores foi don Aurelio Marcelino Rei García, natural de Lavadores-Vigo (súa nai de Cambados). Era mestre de instrución primaria da escola completa do concello de Ribadumia, localizada en Bouza Martín. Contaba coa confianza e axuda dos curas de Ribadumia e Barrantes. Con 29 anos, casou en Ribadumia en decembro de 1909 con dona Peregrina Abal Castro, de 20 anos, natural de Lousame e mestra da mesma escola. Don Marcelino foi un mestre notable e de grata memoria. Non sei cando nin porqué, pasou máis tarde a exercer a súa profesión na vila de Cuntis, onde o colexio público ostenta hoxe o seu nome como título).
IV. Na noite do esquecemento.
Polos comentarios dos que viviron aqueles tempos, con independencia das súas posturas políticas, a Sociedade espertou as conciencias de moitos labregos socios da entidade e promoveu melloras e innovacións técnicas na agricultura. Sirvan de exemplo os labores no cultivo do millo. Cando daquela na zona sementaban o gran do cereal a boleo e o sachaban logo con legón, aquí chamaba a atención a innovación de sementalo en ringleiras cunha máquina de tracción animal. Despois tamén se cavaba e facíaselle a arrenda con outra máquina, neste caso tirando dela un cabalo. A sementadora do meu avó Pepe, que emprestaba a moitos veciños e aínda se conserva, era toda en ferro fundido, fabricada en Vitoria e de marca Ajuria. A roda traseira, que é moito máis grande e coa camba cóncava, ía tapando con terra a semente. E tamén podiamos falar da introdución do cultivo do tabaco, que posteriormente foi prohibido.
A Sociedade de Agricultores do Umia seguiu a mesma sorte que miles de institucións democráticas españolas. Nos tempos da República decantáranse pola Fronte Popular e despois, durante a guerra civil, foi abolida e os seus bens incautados –entre eles a súa sede-. Algúns antigos directivos sufriron persecución e foron confinados na prisión do Lazareto de San Simón, sufrindo catro deles prisión no penal de Pamplona. Un deles morreu en presidio.
Anos máis tarde a casa da Sociedade, incautada polo réxime franquista e xa en franca ruína, foi comprada en pública subhasta por Ramón Noya Rodríguez, veciño do Casalvedro, en Sisán, que foi alcalde de Ribadumia desde setembro de 1953 ata febreiro de 1964. O edificio foi cedido á organización sindical provincial e convertido en local da “Hermandad Sindical de Agricultores y Ganaderos”, sindicato vertical do franquismo. Acometéronse certas reformas no edificio, o que levou a cambiar diversos elementos. (As portas da entrada, construídas con madeira de teácea, pasaron a mans do veciño da casa estremeira. Hoxe en día están na miña casa como portas dunhas antigas cortes do gando). Máis adiante, o edificio converteuse na sede da Cámara Agraria de Ribadumia (aínda conserva o nome na fachada). E actualmente, esta antiga casa da Sociedade pertence ao Concello de Ribadumia, onde ten instalado o almacén municipal e ensaia unha banda de música.
Despois da expropiación dos bens da Sociedade, a imaxe do santo Isidro Labrador, padroeiro da entidade, pasou á casa particular dun antigo directivo, o señor Camilo Lojo. Máis tarde, cambiárona para a casa do señor Ramón de Ribas, por ser un dos socios máis antigos, onde se conservou durante anos ata o presente.
Hernando Martinez Chantada


