Matilde Felpeto Lagoa naceu na parroquia de Cervás (concello de Ares) en 1947. Fixo o bacharelato en Ferrol e licenciouse en Filoloxía Románica pola Universidade de Santiago de Compostela. Quizais influída polo ambiente familiar, no que o pai se dedicaba ao ensino primario, durante a súa vida profesional Matilde exerceu principalmente como profesora de educación secundaria. Impartiu lingua e literatura Castelá. Estivo destinada en varios centros de Madrid e Galicia, e agora xa xubilada. Actualmente reside entre o concello de Vigo e a freguesía de Sisán (Ribadumia).
A súa paixón pola cociña foi influenciada polo ambiente familiar e todo tipo de persoas próximas. Por ter pasado a maior parte da súa vida entre a mariña Ferrolá e as Rías Baixas, tivo moito contacto coa cultura da gastronomía asociada ao mar. Como cociñeira afeccionada, desde sempre foi coñecedora de receitas caracteristicamente galegas, sobre as que foi ampliando progresivamente os coñecementos e a variedade. Pero non foi ata fins do século pasado que comezou un proceso de documentación exhaustiva sobre a gastronomía, nos seus aspectos prácticos, historiográficos e xeográfico-culturais. Esta labor converteuna nunha referencia para o estudio da gastronomía galega, patente en diversas publicacións.
Os seus títulos publicados son os seguintes: Recetas de la cocina familiar gallega (Nigratrea, 2006), Cociñar con albariño (Nigratrea, 2007), ,El capón de Vilalba y su cocina(Ediciones Trea, 2009), Recetas de repostería tradicional gallega y portuguesa (Nigratrea, 2010), 40 menús para 40 banquetes (Nigratrea, 2012) e O polbo e a súa cociña(Xerais, 2014).
O libro que vai presentar o sábado 28 de Abril coa nosa asociación, titulado Cociña galega tradicional, tradición, historia e evolución(Xerais, 2017) representa entre as súas obras, a que abarca a gastronomía galega en maior extensión e profundidade, dunha maneira práctica e historiográfica. Como xa indica o título, esta obra é moito máis que unha colección de receitas. Só como tal, xa incluiría todos os tipos de pratos que serven á nosa mesa: caldos, empanadas, vexetais, peixes, mariscos, carnes e sobremesas. Pero ademais, trata sobre diversos aspectos da elaboración e orixe de produtos alimenticios tradicionais galegos: pan, queixo, viño, cervexa, auga, licores, conservas e mel. Tamén mostra diversas visións sobre a gastronomía galega por parte de varios profesionais, humanistas e artistas que se interesaron por ela. En definitiva, esta obra se constitúe como unha referencia do xénero gastronómico en Galicia, e por ela, Matilde foi merecedora do XXIV Premio Nacional de Xornalismo Gastronómico “Álvaro Cunqueiro”(2018).