María Victoria Moreno naceu en Valencia de Alcántara (Cáceres) no 1939. Primoxénita dun matrimonio formado polo avogado Vicente Moreno, Toledano de orixe, e a mestra de escola Sara Márquez, Malagueña. O seu pai morreu tuberculoso cando ela contaba só con dez anos de idade.
Por aquel entón, a súa nai moveuse por diversas escolas da provincia de Segovia, mentres que María Victoria, ao conseguir unha bolsa de estudios, foise interna a un colexio de Barcelona. Alí tivo o seu primeiro contacto importante coa literatura, entusiasmándose coa lectura do Quixotee O Principiño, obras que nunca deixaron de ser as súas favoritas. Durante eses anos en Barcelona, tamén aproveitou para aprender Francés e Catalán.
De 1958 a 1963 estudou filoloxía Románica na Universidade Complutense de Madrid. En Madrid, por mor dunha series de colaboracións coa ONCE (traducións do Francés, lecturas para cegos) coñece ao que sería o seu primeiro marido, Jose Luis Llácer, e o motivo polo cal se instalou en Galicia no 1963, cando el foi contratado no instituto Santiago Apóstol da ONCE, en Pontevedra. Alí, ela daría clases como interina no instituto Femenino (1963-1965).
Desde ben cedo de chegar a Galicia, María vitoria se mostrou interesada pola lingua galega, estudándoa e implicándose no súa promoción, defensa e ensino (que daquela, obviamente, non estaba permitido). Este compromiso lle valeu, entre outros problemas co réxime franquista, a retirada do pasaporte por ter participado nuns cursos do Ateneo de Ourense, “sospeitosos” por ter sido organizados polo veterano dirixente comunista Manuel Peña Rey.
Ela non se consideraba alófona da lingua Galega (que neste contexto significa falante non nativa). En relación a isto, dixo: “Eu non son alófona porque o que practico, se é que escribo, podería definirse como unha amorosa autofonía […]. A miña relación con Galicia e a miña opción pola súa lingua é simplemente unha historia de amor”. Tamén sentía este compromiso coa lingua como parte de súa integración na sociedade: “Por isto penso que a situación do galego non se pode ver con indiferenza. Se estou coa xente que amasa o meu pan e mais colle no mar os peixes da miña mesa, tamén quero falar con eles, falar a súa fala.” Despois da interinidade en Pontevedra, aprobou as oposicións, e foi destinada ao instituto Masculino de Lugo, onde coincidiría con Xesús Alonso Montero, a quen considera o seu grande mestre: “A actitude ante a lingua, a ética e o compromiso cos seus falantes herdeinos de quen foi o meu mestre, de quen me honro e recoñezo coma mestre”.
O ensino foi sempre unha grande vocación para ela. No ambiente da aula encontrábase sempre a gusto, mesmo nos momentos en que a súa saúde era máis delicada. E por outra parte, a crítica ao sistema de ensino é tema presente en varias das súas obras. Tras estar destinada en varios institutos (Ribadavia – 1979, Vilalonga – 1986), acabaría por asentarse en 1990 no IES Gonzalo Torrente Ballester, de Pontevedra, onde quedaría ata a súa xubilación, en 2002. Morreu en 2005, como consecuencia dun cancro de mama contra o que loitara desde 1997, experiencia da que xurdiu unha das súas obras,Diario da luz e a sombra(2004).
Obtivo os seus maiores éxitos na literatura infantil-xuvenil. O seu primeiro libro en galego, Mar Adiante(1973), contén o conto Crarisca e luceiro, con o que gañou o segundo premio no Concurso Nacional de Contos Infantís da Agrupación CulturalO Facho(1972). Gañaría o primeiro premio no mesmo concurso, en 1975, có conto O Cataventos. A súa obra máis coñecida a novela Anagnórise(1988), incluída na lista de honra do YBBI (Consello Internacional de Libros para a Mocidade) en 1990. Pero tamén tiveron moito éxito Leonardo e os Fontaneiros(3º premio Barco de Vapor) e Guedellas de seda e liño(1999) que entrou na prestixiosa lista White Ravens, da Biblioteca Internacional para a mocidade de Múnic en 2002.
Tamén escribiu poesía, ensaio, libros de texto de lingua e literatura galega e fixo traducións do catalán ao galego e do galego ao castelán.
Tamén fixo traballo de editora, destacando en 1973 a antoloxía bilingüe (galego-castelá) Os novísimos da poesía galega, que recollía textos de poetas nacidos despois do 1943, que comezaban a gañar sona.
Este ano de 2018 foi escollida para celebrar o Día das Letras Galegas.
Bibliografía
– Dicionario biográfico de Galicia. Ir Indo Edicións2010-2011.
– Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. 2005.
– María Victoria Moreno: a muller que durmía pouco e soñaba moito. Fina Casalderrey, Marilar Aleixandre. Xerais. 2018.