
En Outubro, acordamos levar a cabo unha das actividades que dende o primeiro dia figuraba na nosa lista de proxectos a realizar: a recuperación da carreira popular que se celebrou durante moitos anos en Ribadumia no dia de reis, ademais con moita aceptación, e que por diversos motivos anos atrás deixou de organizarse. O final esa idea mudou e acabamos por organizar, en colaboración co Club Náutico O Muíño e a Asociación O Batan, a que foi a “I Duatlon Cross Ribadumia”, que se celebrou ( e estamos orgullosos de dicilo) por primeira vez no noso concello e na nosa comarca. Para saber en detalle como foi a organización deste duatlón podeder premer aqui e lelo no blogue dun dos menbros da asocación, onde conta como foi todo o traballo que se fixo, e o moito que nos custou sacar esta actividade adiante.
Dende aquí o que queremos é insistir na importancia de promover o deporte como ferramenta non so deportiva, ou saudable, se non tamén cultural. Cando se promove o deporte, estanse promovendo uns valores, como a constancia, o afán de superación, o traballo en equipo,etc. Por outro lado, é evidente que cando un fai deporte no ximnasio da súa casa, esta coidando a súa saúde, pero cando participa nunha proba deportiva de carácter publico, ademais esta participando dun espectáculo. E cando un deportista se mostra publicamente realizando unha proba deportiva está mostrando e compartindo co publico, como calquera espectáculo de outro tipo, uns valores e unha maneira de entender a vida. Por iso se fala tanto de dar exemplos positivos no deporte. Transmitir ideas, valores e coñecementos, é a base de calquera actuación artística (unha obra de teatro, unha exposición pictórica), polo tanto é a base da que se alimenta a cultura. Por todo isto parecenos tan importante organizar algunha actividade deportiva, sexa tradicional como a billarda ou algo mais moderno como un duatlon. Ademais cremos que é enormemente positivo poñer en valor disciplinas deportivas pouco coñecidas, como ferramenta diversificadora para que os nenos e non tan nenos descubran que hai deportes que poden resultar moi interesantes e divertidos ademais de, por suposto, saudables, mais aló do omnipresente fútbol.
A proba, que estaba en orixe pensada para o 30 de decembro do 2012 pero que finalmente se celebrou o 13 de Xaneiro deste ano, en si mesma foi un éxito absoluto, tanto en participación , con 159 corredores, cando a media nestas probas esta en 110, como en publico, que abarrotou a ponte de Cabanelas e os pasos interesantes do circuíto.