O próximo mércores 23 de Abril, Día do Libro, as 20:00 horas na cervexería Encontro de Barrantes, poremos en marcha dende esta Asociación un faladoiro literario, co obxectivo de parolar sobre literatura e crear un espazo de opinión conxunta sobre libros que compartiremos logo con vos nun espazo propio habilitado na web.
Inda que teremos un núcleo central de habituais, falamos dun grupo aberto, onde calquera pode participar solo con achegarse e sentarse con nos, e sen unha norma estrita en canto a que libros ou temáticas tratar, polo que falando de libros pode acontecer case calquera cousa. A pesares disto, para poder arrancar dun xeito minimamente organizado, plantexamos a seguinte dinámica:
– reunirémonos de xeito quincenal, e o día da semana, unha vez pasado o Dia do Libro, será os xoves.
– Para seleccionar unha obra central sobre a que falar en próximas xuntanzas, unha das persoas participantes, que escolleremos por sorteo, proporá unha obra literaria aos demais participantes. Logo darémonos un prazo mais ou menos breve en función de varios factores, como o tamaño do libro ou a época do ano, e logo nunha xuntanza posterior procederemos a comentalo.
– Nesa xuntanza falaremos da obra elixida e entre todas as persoas participantes sacaremos unhas conclusións, que sen dubida serán moito mais ricas en matices que a simple opinión dun critico literario, e que subiremos a web nun espazo concreto que crearemos nos próximos días.
Como non queriamos poñer nos un primeiro libro do que falar, e como ademais o Dia do Libro é unha data na que todos os libros son importantes, o que acordamos foi que nesta primeira xuntanza, cada unha das persoas que participen levase un libro que considerase moi importante, ou que lle haxa gustado especialmente, para polos en común e así ter algo co que romper o xeo.
Se che gusta ler non dubides en participar, porque estamos seguros de que vai ser moi interesante e enriquecedor, ademais non hai nada mellor logo de ler un libro que falar del con outras persoas.
Se queres saber mais sobre todo isto chama o 672 418 619