O tambor

cartel gaitas 2 (blanco)   Con motivo da Xuntanza de músicos tradicionais que esta Asociación organizou para este próximo sábado 10 de Maio,  preparamosvos unha serie de artigos referentes aos nosos  instrumentos tradicionais. Logo de dous estensos artigos dedicados a gaita, falamos agora do tambor.

Historia do Tambor.

En opinión do profesor Sachs, a etimoloxía da palabra tambor  poderiámola buscar xa en tempos babilónicos (aprox. no III milenio a.C.) cando certos pequenos tambores de marco que as mulleres tocaban directamente coas mans parece que recibían o nome sumerio de balag-di; o equivalente en lingua acadia deste termo sería timbutu ou tibbu. A mesma raíz deste nome acadio volve aparecer na lingua tamil, na que o substantivo empregado para se referir ao tambor é tambattam. Corominas (1954) defende a teoría de que o termo castelán tambor  procede do persa  tabîr, palabra que se modificou ao pasar ao árabe, onde debeu de confundirse co nome dun instrumento de corda denominado tanbûr (con tampa harmónica de pel). As palabras antigas castelás son  atambor  e  atamor  que aparecen primeiramente documentadas no  Poema de mío Cid (s. XII) (vv. 696, 1658, 166, 2354) . En Portugal a voz  tambor  emprégase por primeira vez no “Diário da Viagem de Vasco da Gama” do 1498. Pouco máis tarde, Miguel de Cervantes (1547-1616) emprega xa esta mesma voz (El Quijote, II, 36) pero alternándoa coa de  atambor  (Persiles, III, 12). No  Dicionario de Autoridades (1732) aparece o instrumento co nome de  atambor, explicando que se chama máis comunmente  tambor.

  Xa en Galicia, nin  atambor  ou  tambor,  nin  tabal  ou  atabal  aparecen nos textos medievais escritos en galego, polo menos naqueles rexistrados no Tesouro Medieval Informatizado do Instituto da Lingua Galega. Si que documentou a voz  atambor  en Galicia no século XVI,, pero en textos escritos en castelán. No Tesouro Informatizado da Lingua Galega, ferramenta desenvolvida tamén polo Instituto da Lingua Galega, tampouco aparecen as voces  tabalatabal  ou  atambor  nos textos galegos, e  tambor  documéntase por primeira vez no Coloquio de 24 gallegos rústicos  de Frei Martín Sarmiento (1746) .

    Na Idade Media existía xa en Europa o  tambor  pero cunha grande variedade de formas, chatos e altos, congalube bordóns nas dúas peles ou só na de arriba e normalmente asociados á frauta de tres furados . Todos os tambores  medievais eran tensados con arrochos e cordas tendidas en zigzag, malia que algúns amosan un sistema diferente no que a mesma corda se entrelaza para permitir a tensión, como sucede aínda nos  tambores de  antroido  de Vilariño de Conso (Ourense), os  bombos  da zona portuguesa do Fundão ou algúns tambores que aparecen nas fotografías galegas de finais do século XIX ou principios do XX. Curiosamente, moitos dos  tambores medievais dos que temos novas na península ibérica tiñan un diámetro moi semellante á súa altura, característica que aínda se conserva nos nosos  tambores  tradicionais, mentres que no resto e Europa son frecuentes os tambores  cunha altura moi superior ao diámetro da caixa.

Nas poucas representacións medievais nas que o tambor non aparece asociado á  frauta de tres furados, segue a descarga (4)representarse pendurado dunha man pero agora percutido con dous paus . Este xeito de soster o tambor aparece no tríptico do nacemento de Santiago de Vilamaior do Val (s. XVII) de Verín onde un tamboriteiro de cor acompaña a un gaiteiro; tamén se ve nas fotografías que se conservan do gaiteiro Rilo de Betanzos (s. XIX), e aínda se conservou na zona norte da provincia da Coruña ata o día de hoxe, por canto é posible que o tambor que acompaña á  gaita de fol  en Galicia teña unha orixe dupla: os máis pequenos e pendurados do pulso do tocador poden proceder directamente do tambor asociado á  frauta de tres furados, mentres que aqueles máis grandes, pendurados da cintura cun gancho ou ben do ombreiro do músico cunha correa a xeito de bandoleira, como aparece no da capela da Casa Grande de Rosende (Sober, Lugo), poderían proceder do  tambor  militar europeo.

  Tamén debemos observar que en Galicia aparecen hoxe dúas denominacións diferentes para os  tambores consideradas como sinónimos, pero que poderían indicar esta dupla procedencia: tambor  e  tamboril. A primeira fai referencia seguramente aos tambores  grandes, descendentes dos militares; mentres que a segunda, en diminutivo, probablemente hérdase dos  tambores  máis pequenos que os tamboriteiros penduraban do seu brazo para acompañar a  frauta. As dúas denominacións, tamboril  e  tambor  (ou  atambor  e tamén  atabal  nos documentos máis antigos) aparecen nos contratos de músicos realizados polos concellos e confrarías para as diferentes celebracións e para o Corpo de Deus xa durante o século XVI, denominándose os músicos tamboriteiro, como aínda se fai na comarca da Fonsagrada, ou  tamborileiro  que é a máis frecuente no resto de Galicia . Nos lugares onde aínda se conserva a  frauta  e o  tambor  tocados pola mesma persoa, caso do Bierzo ou a Maragatería o músico recibe este mesmo nome: tamboriteiro.

Desde aproximadamente o século XIII o  tambor  formou parte de conxuntos militares nos que sempre aparece a carón de trompetas e anafís.

   O tambor  militar sempre foi tocado con dous paus e xa no século XVI o bordón se situaba debaixo da pel inferior, se ben aparecen representacións como a de Mersenne que amosan tamén  tambores  con dous bordóns, un en cada pel, morfoloxía que aínda aparecía en Galicia a principios do século XX asociada, iso si, sempre a pequenos tambores. Os grandes  tambores  precisaban de paus pesados coas puntas grandes, razón pola que moitas iconografías medievais amosan paus con pesadas cabezas redondeadas  que aínda se conservan en Galicia e Portugal, sobre todo nos grandes  tambores  de  antroido  das comarcas de Viana e Terras de Trives.

Durante todo o século XVI segue a haber abundantes novas que sitúan o  tambor  (agora xa denominado atambor) en mans de militares por toda Europa  normalmente asociado coas  trompetas e Galicia non é caso á parte.

Durante o XVII os  tambores  comezan a ser acompañados con frecuencia por outros instrumentos diferentes das  trompetas  tales como os clarínschirimías  e  pífanos], porén, non hai datos que indiquen que antes deste século o  tambor  sen a frauta  fose empregado na música popular galega como acompañante da  gaita de fol.

   A primeira iconografía galega que coñecemos onde aparece a  gaita de fol  acompañada do  tambor  está nas tallas da 21.2_20-Catedral-de-Tuisancristía da catedral de Tui, obra de Domingo Rodríguez, galego de Pazos de Borbén (Pontevedra), finalizada no 1715. Deste xeito, é probable que fose durante o século XVIII cando o  tambor  pasou a acompañar ás  gaitas de fol  na nosa música tradicional, se ben a  gaita de fol  soa ou as parellas de  gaita de fol  e  tambor  compartisen durante algún tempo (quizais máis dun século) a escena co tocador de  pito  tambor  ata que esta modalidade de acompañamento das danzas acabou por extinguirse nun momento difícil de determinar e que a ben seguro debeu de variar moito dependendo do illamento da zona.

   O tambor  penetrou na música culta primeiramente nas bandas militares a principios do século XVIII, e non foi ata 1779 cando Christoph Gluck (1714-1787) introducíu por primeira vez o tambor na súa obra  Eco e Narciso . A partir de aí o seu uso xeneralizouse, pero pronto foi substituído pola  caixa  de aros metálicos tensada con parafusos. Na segunda metade do século XIX as bandas populares comezaron a ter forza en Galicia, pero non tocaban o  tambor  senón esta  caixa, de xeito que no ambiente rural o tambor  foi sendo substituído por este novo instrumento, fenómeno que aconteceu en case toda Galicia excepto nas montañas dos Ancares e nalgúns concellos das mariñas luguesas, onde os gaiteiros continuaron acompañándose do instrumento de madeira e pel ao longo case todo o século XX.

A corrente folclórica galega, comezada polo grupo coral Aires da Terra a finais do século XIX, foi continuada edescarga (5) popularizada a partir dos anos 1920 polo sonadísimo grupo de gaiteiros de Soutelo de Montes liderado polo gaiteiro Avelino Cachafeiro. Este grupo mantivo e estendeu de novo entre os grupos de gaiteiros que foron aparecendo á súa imaxe e semellanza, o uso do tambor  como acompañante da  gaita de fol, sendo hoxe máis frecuente de novo o uso deste instrumento que o da  caixa, polo menos entre os grupos folclóricos, pois os gaiteiros tradicionais seguen a preferir a  caixa, que, por certo, está agora mesmo recobrando forzas outra vez entre os grupos folclóricos.

Nos Ancares  aínda o tambor  conserva unha certa relación coa mística e a maxia: escoitar tocar un  tambor  preto da casa é o aviso de morte máis frecuente, é ao que lle chaman tambor de morte .

No sistema de cultura tradicional galego o tambor  foi sempre un instrumento musical propiamente dito e netamente masculino, situación que non mudou ata aproximadamente os anos 1970 cando a muller comezou tamén a tocalo. Desde antigo foi un costume moi enraizado o de meter os nenos que lles gustaba a música a tamborileiros. Desta situación quédannos multitude de documentos, sobre todo fotográficos, e tamén algún dito:O que queira ter un fillo pillo, que o meta a tambor ou a monaguillo.

Tambor  e tamboriteiro gozaron e gozan dunha grande consideración dentro da música tradicional galega, de xeito que os bos instrumentistas eran e son moi apreciados tanto polos gaiteiros como polos bailadores e resto de público interesado na música. Con todo, e pese á súa consideración como instrumento musical propiamente dito, o pobo confirma a situación do  tambor  dentro dos útiles ruidosos; lembremos senón as partituras dos Trintas de Trives onde caixa e bombo  se indican como “ruído”.

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s