Por fin, logo de moitos preparativos, este sábado produciuse a xuntanza de músicos tradicionais organizada pola nosa Asociación coa axuda do grupo Noutrora de Ribadumia.
Foi unha xornada moi alegre, de música e tradición, que comezou cara o mediodía cando os músicos de Noutrora e Os Demos da Petaca se repartiron polas rúas do centro de barrantes para ir quentando o ambiente a base de música. Unha vez posto Barrantes en estado de alerta, fómonos todos, músicos e non músicos, a facer tempo ata a hora de comer tomando uns viños polos bares , o cal se converteu xa dende o principio nunha gran troula coa música das gaitas e dos tamboriles e das padeiretas como acompañamento. En resumo: fomos para comer eran xa as catro da tarde. Comida para un rexemento e moita festa. Logo da consabida sobremesa galega, lanzámonos a percorrer os bares de barrantes, tocando, cantando, bailando . E músicos doutros grupos foron aparecendo e engordando o que xa era unha foliada espectacular…. Oficialmente a xuntanza rematou a iso das once da noite….Quen isto escribe as dúas da maña recolleuse totalmente esgotado, pero daquela a festa ainda continuaba.
Queremos dende aquí dar as grazas a todos aqueles que participastes nesta xornada, que serviu, ademais de para pasar un día de festa, para mostrar a música tradicional e poñela un pouco mais preto do público en xeral, axudando o desenrolo e a posta en valor da nosa cultura propia.
E grazas especialmente a Noutrora pola súa inestimable axuda na organización deste evento, os Demos da Petaca pola súa compaña o longo de todo o día, e a todos os músicos e músicas que se foron unindo a nos o logo da tarde. A agrupación de protección civil que se encargou de que non hubera ningún susto mentres transitabamos polas rúas de barrantes. E por suposto, os locais que fixeron posible este evento. Mesón Lucho, cafeteria Aromas, café Che, cervexeria Encontro e bocateria Lareka.
Foi un pracer organizar este gran evento e participar nel, e estamos moi orgullosos do éxito da xornada, que nos anima a comezar dende xa a preparar a edición do próximo ano.
Como colofón, deixámosvos aquí alguns videos con anacos de actuacións e unhas fotos feitas ao longo da xornada por compañeiros e compañeiras nosas …
One thought on “Éxito da ghaiteirada 2014”