No día da Patria:  A historia do himno galego.

images (1)

      Ao igual que a bandeira, o noso himno obtivo recoñecemento oficial unicamente no ano 1984 en virtude da Lei de Símbolos de Galicia. Porén, como no caso da bandeira, a historia do himno galego esténdese moito máis atrás no tempo, pois a súa andaina comeza na derradeira década do século XIX. Grazas a un amplo e detallado estudo publicado conxuntamente por Manuel Ferreiro e Fernando López-Acuña na obra colectiva Os Símbolos de Galicia agora podemos coñecer moitos dos pormenores relativos tanto á concepción orixinal da letra e da música do himno como á súa posterior popularización.

   A orixe do himno nacional de Galicia está no certame musical organizado polo compositor Pascual Veiga e o seu Orfeón Coruñés Número 4, un evento que se celebrou na Coruña durante os días 30 e 31 de agosto de 1890. Precisamente foi o propio Veiga quen lle solicitou a Eduardo Pondal que escribise un poema para servir de letra destinada a acompañar unha futura “Marcha Regional Gallega”, pois entre os diversos premios previstos no devandito certame había un de composición que debía outorgarse a aquela música máis axeitada para cumprir esa función.

    Foi así como naceu “Os Pinos”, o poema pondaliano cuxas estrofas iniciais conforman a letra do noso himno. Mais, a pesar da intención orixinal do concurso, a composición vencedora no premio da “Marcha Regional Gallega” -unha partitura titulada Musica feras domesticat, obra do catalán Ivo Gotós- non foi a música que recibiu a letra escrita por Pondal. En troques esta acabou combinándose con outra composición realizada por Pascual Veiga para o mesmo certame de 1890. Velaí o nacemento do noso himno. E aínda que descoñecemos o momento exacto e as circunstancias precisas en que tivo lugar a combinación da

música de Veiga e das palabras de Pondal, si sabemos que iso aconteceu de xeito definitivo algúns anos despois, dado que temos constancia de que o futuro himno galego xa o ensaiaba no ano 1896 o Orfeón do Centro Galego de Madrid, cidade onde Pascual Veiga era profesor na Escuela Nacional de Música desde 1892.

   Conven salientar que o  certame musical de 1890 debe ser entendido dentro do contexto do rexurdir musical galego que se produciu durante a segunda metade do século XIX, e que estivo protagonizado por figuras tan coñecidas como Marcial del Adalid, Juan Montes, José Mª Varela Silvari e o mesmo Pascual Veiga. Igualmente a súa celebración estivo moi relacionada co movemento coral e tamén cos esforzos por prestixiar a nosa música popular. Non debemos esquecer que o certame da Coruña organizado por Veiga, ademais de contar con diferentes premios de composición e de execución para bandas, coros e sextetos, incluía tamén un concurso de gaitas e de música do país. Alén diso, a festa musical que formaba parte do acto de clausura do certame -celebrado na tarde do día 31 de agosto- ofrecía no seu programa cantos e bailes populares (alalá, muiñeira ou ribeirá, etc.), xunto coa actuación das bandas e das corais participantes nos concursos do día anterior. Así pois, o certame coruñés de 1890 estivo animado por unha evidente intencionalidade patriótica de exaltación da música e das tradicións galegas. Compréndese así o desexo dos organizadores de dotar a Galicia dun himno particular que a representase e co cal as súas xentes se sentisen identificadas.

   A prensa da época informa de numerosos actos públicos celebrados ao longo das primeiras décadas do século XX que axudaron a dar a coñecer a melodía de Veiga e o poema de Pondal, contribuíndo desta maneira a que a obra comezase a ser percibida, paseniño, como himno propio de Galicia. Obviamente a gran maioría desas celebracións foron obra do emerxente movemento galeguista que actuaba tanto no eido político como no cultural. Cabe destacar dous deses actos.

A homenaxe a Pascual Veiga realizada no Teatro do Centro Galego de La Habana o día 20 de decembro de 1907, durante a cal tivo lugar a primeira representación pública coñecida do que entón se denominaba o “Himno Regional Gallego”, sendo a súa música interpretada pola Banda Municipal da cidade (noticia recollida nos Ns. 50 e 51 da revista Galicia de La Habana). Pouco despois, en 1908, o himno de Veiga e Pondal pasaría a ser oficial en todas as conmemoracións organizadas por ese Centro Galego. Anos máis tarde unha segunda homenaxe a Pascual Veiga, desta vez celebrada no país durante o traslado dos restos mortais do compositor desde Madrid ao seu Mondoñedo natal en setembro de 1912, ofreceu a ocasión para interpretar o himno publicamente por primeira vez en Galicia (información transmitida no N. 39 deVida gallega).

Foron estes os primeiros episodios do decorrer histórico do noso himno, o cal logrou acadar, como a bandeira, unha ampla aceptación popular moito antes de ser recoñecido oficialmente.

900px-Bandeira_galega_civil.svg

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s