
A Asociación cultural Herminio Barreiro de Ribadumia celebrou a súa asemblea e cea anuais.
No transcurso da cea, na que participaron socios, empresas e entidades colaboradoras, a asociación entregou unha placa de agradecemento á familia de Herminio Barreiro.
Este pasado sábado a Asociación Cultural Herminio Barreiro celebrou a súa asemblea anual, seguida dunha cea nun restaurante local, onde se deron cita, ademais dos socios, diversos representantes de entidades e empresas que no longo do ano colaboran ou participan das diversas actividades que esta Asociación leva a cabo.
Na asemblea repasáronse as actividades realizadas ó longo do ano 2014, todas con gran éxito de participación, onde caben destacar o Duatlón Cross Ribadumia, o Concerto Solidario e a xuntanza de músicos tradicionais denominada Ghaiteirada. Tamén se informou do excelente resultado dos diferentes obradoiros realizados con nenos da localidade, da actividade de grupos como o faladoiro literario ou o equipo de billarda, os Casilledin, ou do funcionamento do espazo en internet
https://ascuncasculturais.wordpress.com/
Dende a xunta directiva puxeron especial énfase nos logros conseguidos gracias a capacidade de organización, da participación activa dos socios e dunha forma de traballo baseada en buscar sempre xeitos de colaboración con outras entidades, asociacións e empresas locais.
Ademais de render contas das actividades do 2014, fíxose un avance dos proxectos para este 2015, que pasa por seguir asentando as actividades fixas, que deixaran un programa de actividades moi completo, e buscar novas actividades, especialmente centradas no ámbito cultural.
A continuación celebrouse a cea anual, que reuniu a socios e representantes das diferentes entidades e empresas coas que a Asociación traballou ó longo do 2014, dende Amigos de Galicia os negocios de hostalería locais e empresas como As Titiriteiras, pasando por clubs deportivos como o Umia C.F., o náutico O muíño e mesmo o concello. Foi unha velada alegre, e no transcurso da mesma a Asociación fíxolle entrega xunta placa a familia de Herminio Barreiro Rodríguez, de quen a asociación toma o nome, en agradecemento a súa colaboración na creación deste proxecto, que traballa a través das súas diversas actividades para por en valor e defender a nosa cultura, impulsar os valores positivos do deporte e realizar unha labor social.