María de los Ángeles Alvariño González naceu o 3 de Outubro de 1916 na freguesía de Serantes (O Ferrol).
Como oceanógrafa desenvolveu a súa carreira entre España, Inglaterra e os EEUU. Foi a primeira muller a bordo (con cargo de científica) dun barco de exploración oceanográfico británico. Pódese considerar a primeira científica española de relevancia internacional (a única ata hoxe en ser incluída na Encyclopedia of World Sicentists, Oakes 2007). Especializada no zooplancto, descubriu 22 novas especies e publicou máis de un cento de traballos científicos. Dúas especies foron nomeadas na súa honra.
Conta con moitos recoñecementos: no ano 1993 se lle outorga a Medalla de Prata de Galicia. A Universidade de A Coruña lle dedicou a semana da Ciencia no 2005. O Instituto Español de Oceanografía bautizou con o seu nome o seu buque máis moderno, botado no ano 2012. Ten unha placa conmemorativa no Campus do Esteiro da Universidade de Ferrol. A Xunta de Galicia designou co seu nome un programa de contratos de investigación. A Real Academia Galega de Ciencias lle dedicou o Día da Ciencia en Galicia no ano 2015.
Foi filla primoxénita do médico Antonio Alvariño Grimaldos e de María del Carmen González Díaz-Saavedra, pianista. En 1928 ingresou no Instituto Concepción Arenal de O Ferrol.
Finalizou o bacharelato superior en 1933, trasladándose a Madrid no 1934 para iniciar a carreira en Ciencias Naturais. Nesta cidade viviu na Residencia de señoritas, dirixida por María de Maeztu, o grupo feminino da Residencia de Estudiantes. Alí tivo a ocasión de contactar con estudantes de toda España e do estranxeiro, e tamén tivo a ocasión de coñecer a figuras da intelectualidade da época: Ortega y Gasset, Américo Castro, Gregorio Marañón, Halffter, Falla, Gracía Lorca, Menéndez Pidal entre outros. Segundo as palabras da súa propia filla, este foi o seu primeiro gran contacto con mundos máis alá do Ferrolán, cunha sociedade sen fronteiras e a intelectualidade, constituíndo así unha parte fundamental da súa formación. Este período veuse interrompido pola Guerra Civil, durante a cal se mantivo en Ferrol, coa súa familia. Retomou os seus estudos en Madrid despois da guerra ata finalizalos en 1941. Un pouco antes casara con Eugenio Leira Manso, que dentro do que cabía naquela época, a apoiou bastante durante toda a súa vida no desenvolvemento da súa carreira profesional.
Neste momento, volta para Ferrol, onde dá clases de diversas disciplinas de Ciencias Naturais en varios Institutos. Marcha novamente a Madrid no 1948, onde obtivo o destino o seu marido, e alí comeza a traballar no Instituto Español de Oceanografía (IEO) onde consigue unha serie de bolsas e finalmente o posto de axudante de laboratorio, sendo destinada a Vigo (1950). Durante este período complementa en gran medida a súa formación e é cando, en parte, se comeza a especializar no estudo do zooplancto. Porén, afondará na súa especialización durante unha estadía no laboratorio Oceanográfico Inglés de Plymouth, grazas a unha bolsa do British Council que lle foi outorgada no ano 1953. Alí traballa baixo a dirección de recoñecidos expertos no zooplancto, F.S. Russell e P.C. Corbin. Neste momento chegou a ser a primeira muller enrolada como científica na tripulación dun barco oceanográfico Británico, o Sarsia.
No 1956 consigue unha bolsa da Comisión Fulbrigth dos EEUU para traballar na Woods Hole Oceanographic Institution, baixo a dirección de Mary Sears, presidenta do Congreso Oceanográfico dos EEUU. Impresionada pola calidade do seu traballo, a recomenda para un posto de profesora de Bioloxía na Universidade de California, na sede de La Jolla. A partir dos traballos desenvolvidos nesta época consegui un doutorado pola Universidade de Madrid no ano 1967. En La Jolla traballou ata o ano 1969, e no 1970 consigue un posto no Southwest Fisheries Science Center. Traballou coordinando investigacións entre varios países e participou en moitas campañas oceanográficas en todo o mundo. Colaborou tamén como docente na Universidade Autónoma de México e na San Diego State University.
Retírase no ano 1993, pero continúa a traballar como docente emérita nas súas especialidades, aínda que a partir de agora tamén afondaría no estudio dos inicios históricos da investigación oceanográfica. Faleceu en San Diego (EEUU) no ano 2005.
Bibliografía:
Ángeles Alvariño González, investigadora marina de relevancia mundial. Alberto González-Garcés Santiso. Instituto Español de oceanografía, 2016. ISBN: 978-84-95877-54-3.