Domingo Villar

3317339

Nado en Vigo en 1971, e actualmente residente en Madrid, Domingo Villar é un escritor galego de novela negra, xénero no que tamén destacan Aníbal Malvar, Carlos González Reigosa, Manuel Forcadela, Diego Ameixeiras ou Miguel Anxo Fernández entre outros. Malia a súa xuventude, xa é un autor de éxito e con prestixio amplamente recoñecido fóra das nosas fronteiras. Recentemente foi estreada a primeira adaptación cinematográfica de unha das súas obras, “A praia dos afogados”.

A súa novela de debut, “Ollos de Agua” (Galaxia, 2006) presenta o que ata o de agora é o seu principal personaxe: o inspector Leo Caldas, un home solitario con afición pola vida nocturna da súa cidade, Vigo, e particularmente afeccionado ás visitas a clubes de jazz. Coa compaña do seu axudante, Rafael Estévez, investigará o asasinato dun saxofonista, que aparece morto no seu apartamento da illa de Toralla. Os protagonistas terán que desanodar unha complexa historia de paixón para chegar ao móbil do crime. Esta novela foi traducida ao castelán, polo propio autor, ademáis de ao inglés, alemán, ruso, búlgaro e sueco.

Na súa segunda novela “A praia dos afogados” (Galaxia, 2009) aparecen novamente Leo Caldas e Rafael Estévez. Neste caso, dispostos a resolver o caso dun mariñeiro que aparece morto coas máns atadas na praia de Madorra, na parroquia nigranense de Panxón. Inicialmente considerado un suicidio pola policía, o caso resultou ser un crime derivado dunha truculenta cadea de acontecimentos relacionados coa vida das xentes do mar. O ambiente que impregna a novela é un fiel retrato do día a día nun pobo de ambiente mariñeiro, os oficios do mar, a conxura de silencio motivada polo medo e as envidias. Na historia, entrelázase tamén a vida persoal do protagonista, o inspector Leo Caldas, que atravesa un período de crise. Esta obra foi traducida ao castelán (polo propio autor) e tamén ao inglés, alemán, francés, italiano, polaco e holandés.

Como dixemos anteriormente, esta novela foi recentemente adaptada ó cine, polo director Gerardo Herrero, con guión adaptado por Felipe Vega, e cos intérpretes Carmelo Gómez, Pedro Alonso e Luis Zahera nos principais papeis. O filme foi estreado este pasado 10 de Outubro de 2015.

Nos vindeiros meses verá a luz a última obra do noso autor: a novela “Cruces de pedra”.

As traduccións, en tan breve tempo, a 10 linguas diferentes e publicadas en 12 países, dan boa conta do fulgurante éxito das obras de Domingo Villar. O recoñecemento tamén lle chegou en forma de premios, entre os que destacan o Sintagma 2007, o Antón Losada Diéguez, o Frei Martín Sarmiento, Libro do ano pola federación de Libreiros de Galicia e premio Brigada 21. Asimesmo, foi finalista en dúas categorías dos Crime Thriller Awards, na Gran Bretaña.

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s