“A Bela Otero”

la-belle-otero-autographed-1905-postcard

Agustina Otero Iglesias, máis coñecida como “A bela Otero”, foi unha das personaxes máis recoñecibles do glamour da Belle Époque francesa. Nada no término municipal de Valga (1868) e morta na cidade francesa de Niza (1965), percorreu boa parte de Europa, América e Xapón como bailarina de espectáculos de cabaret, sendo cortesana de reis e amante de homes poderosos. Acumulou unha grande fortuna que logo consumiría durante os anos do seu retiro en Niza, por sofrer de ludopatía, ata morrer case pobre, nesa mesma cidade francesa.

As poucas cousas que se coñecen da súa infancia son de gran importancia para comprender o seu derroteiro vital. Procedía dun entorno familiar moi humilde, filla de nai solteira e pai descoñecido. A nai gañaría escasos cartos recollendo piñas nos montes da parroquia, e ademáis, segundo o seu escrito autobiográfico «Memorias», tamén se prostituía. Con 11 anos de idade foi violada por un veciño, ocasionándolle unha hemoraxia tan grave que tivo que ser internada no Real Hospital de Santiago. Este terrible percance deixaríaa estéril. Hai quen suxire, interpretando a súa vida cunha óptica un tanto novelesca, que este incidente enxendrou nela un soterrado sentimento de odio e desexo de vinganza fronte aos homes, o cal se vería reflexado posteriormente en moitas das súas relacións amorosas. Non sería sorprendente que así tivera sido, por outra banda.

Pouco tempo despois, contando uns 14 anos de idade, fuxe da súa aldea cun rapaz que se dedicaba a espectáculos itinerantes de danza. Pouco se sabe tamén deste tramo da súa vida, que a levou desde Lisboa a Cataluña, e finalmente a Francia, onde se estableceu en París xa como bailarina afamada. Durante todos estes anos, as súas vivencias forman parte da lenda, pero dende logo, debeu ter aprendido duramente o oficio da danza, e probablemente tamén exerceu a prostitución. Nalgún momento, decidiu trocar o seu nome verdadeiro polo de Carolina. Xa en París chegou a ser a bailarina de cabaret de maior éxito do momento. Principalmente traballaba no célebre local Folies Bergère.

Non podemos decir que os seus espectáculos tivesen un grande valor artístico. Pero nesta historia non se trata diso. A realidade é que o seu éxito non tiña rival no gremio. Carecía de formación académica para o baile, polo que as súas nocións e técnica eran predominantemente intuitivas. Nas súas “performances”, mesturaba hábilmente elementos de exostismo de moito agrado na época. Incluso, para acrecentar este aspecto, chegou a inventar unha prodecedencia xitana Andaluza. Pero a parte fundamental do seu éxito como bailarina eran a súa sensualidade e os elementos eróticos dos seus espectáculos, no que mostraba unha habilidade innata.

Nestes momentos de maior gloria na súa carreira, percorreu os principais escenarios do mundo. O seu exotismo e sensualidade farían dela, quizáis, a muller máis desexada por tódalas “altezas” e personalidades da jet set do momento, polo menos en Europa. Así, foi amante de xente de poder (empresarios, políticos)  e cortesana de reis e nobres, entre os que se contaron Alberto I de Mónaco, Eduardo VII do Reino Unido, Leopoldo II de Bélxica, o káiser Guillermo II de Alemaña, Alfonso XII de España, Nicolás II de Rusia, o Gran Duque Pedro de Rusia, o duque de Westmister… tódolos homes de fama querían estar con ela. Cóntase que, cando se cruzaban na mirada, era imposible non deterse ante a beleza dos seus ollos, dunha cor negra pura e brillante. Informacións que nunca foi posible confirmar, falan de ata seis homes que se suicidaron por causa de perder os seus favores. Como nos podemos imaxinar, a súa vida amorosa foi inspiración ou protagonista de novelas, crónicas xornalísticas, e películas.

Agustina Otero tiña sen dúvida un atractivo sensual de seu, pero non foi só iso o que lle proporcionou éxito e a investiu dun atractivo difícil de resistir. Era ademáis unha muller intelixente, perseverante e firme no seu traballo. Relacionouse con personalidades do mundo da cultura. Especialmente, coas mulleres do círculo Sáfico de París, todas elas artistas (sobre todo poetisas) de familia burguesa ou aristócrata, onde destacaba Natalie Clifford-Barney. As ideas trangresoras deste grupo, especialmente no relativo á homosexualidade, puideron desenvolverse naquel ambiente parisino onde, a pesar de todo, a tolerancia era maior en comparación ao resto de Occidente.

Agustina acumulou unha grande riqueza e, aos 45 anos de idade, despois da I guerra mundial, retirouse a vivir nunha mansión de Niza. Afectada de ludopatía, consumiu toda aquela fortuna no casino de Niza, que en agradecemento a mantivo cunha pensión ata o final da súa vida. Os beneficiarios do seu testamento, daquela xa escaso, foron as xentes pobres da parroquia de Valga.

Bibliografía:

– As auténticas memorias da Bela Otero. Xerais, 2001.

– Arruíname pero no me abandones. La Bella Otero y la Belle Époque. De Marie-Helène Carbonel i J. Figuero. Ed. Espasa Calpe, 2003.

– A Bela Otero, pioneira do cine. M.A. Fernández. Galaxia, 2003

– La Bella Otero, unha icona da Belle Èpoque Europea. E.O. Cepeda. culturagalega.gal

– Trágica infancia de Agustina Otero Iglesias. J.P. Ares.  Edicións do Castro, 1984.

– La tremenda niñez de la Bella Otero, Santiago de Compostela. Borobó. El Correo Gallego, 1992.

– Colette une certaine France. M. del Castillo. Stock, 1999.

– La Bella Otero, C. Posadas. Planeta, 2001.

– Carolina Otero. M.R. Lorenzo. A Nosa Terra, 2001.

– A paixón de Carolina Otero. R. Chao. Galaxia, 2002.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s