Onte deixabannos Xohana Torres. Figura imprescindible da cultura galega. Dende esta asociación recollemos a súa vida e obra na nosa sección de persoeir@s e no boletin de xuño de 2013. De feito, foi a primeira muller da nosa cultura da que falamos na nosa sección dedicada a por de relevancia a figura de persoas representativas da nosa cultura.
Recuperamos ese artigo como recordo da que foi unha gran defensora da nosa lingua e da súa normalización nos difíciles anos do franquismo, e despois deles, a través de todos os xéneros literarios, e da radio.
Tamén podedes dende aquí acceder o discurso de Xohana Torres no seu ingreso na real Academa da Lingua Galega, o 27 de outubro do ano 2001. Unha lectura totalmente recomendable.
“Xohana Torres Fernández naceu en Santiago de Compostela en 1931.
Desde pequena vive en Ferrol onde pasa súa xuventude e chega a ser alumna de Carvalho Calero. Foi tamén nesta cidade onde entrou en contacto co mundo do teatro e da radio. En Radio Ferrol dirixe en 1956 o seu primeiro programa destinado a mulleres: Teresa.
Dende os primeiros textos editados foi unha escritora monolingüe en galego. Comeza a publicar en revistas como Aturuxo, Vida Gallega ou Vieiros. En 1957 estuda Filosofía e letras na Universidade de Santiago de Compostela, onde se relacionou con María Auz, Ánxel Leira e Xosé Luís Franco Grande, intensificándose o seu interese pola lingua galega e a súa literatura. O ano seguinte recibe o Primeiro Premio de Poesía da Asociación de Prensa de Vigo. Filla e esposa de mariño, viaxou por mar por gran parte do mundo, e finalmente trasladouse a vivir a Vigo, onde chegou a dirixir o primeiro espazo cultural de radio integramente en galego, Raíz e Tempo, en La Voz de Vigo.
A súa relación co grupo Teatro-Estudio, para o que facían decorados os pintores Barros Pardo e Segura Torrella, lévalle a escribir dúas obras de teatro, unha das cales, Un hotel de primeira sobre o río, consegue o Premio Castelao de teatro en 1966. A finais dos sesenta escribe Adiós, María que publica en 1971, obra coa que a crítica a inscribe na Nova Narrativa galega e nese ano gaña o Premio Galicia do Centro Galego de Bos Aires e, co seu Ensaio sobre San Andrés de Lonxe, o Premio de Etnografía da Deputación de A Coruña. O ano seguinte, recibe o premio Pedrón de Ouro pola súa labor cultural en beneficio de Galicia. En 1982 recibe o Premio da Crítica e a Xunta de Galicia entregalle en 1992 o Premio á creación femenina.
Como poetisa está integrada na Xeración das Festas Minervais; como escritora dramática no “Grupo de Enlace“.
Xohana Torres é unha referencia obrigada na historia da literatura galega da segunda metade do século XX. Forma parte daquelas xeracións de escritores que, comprometidos coa lingua nos difíciles anos da ditadura franquista, contribuíron á normalización da literatura galega tocando todos os xéneros. A proposta de Xosé Luís Méndez Ferrín e Salvador García-Bodaño ingresou na Real Academia Galega o 27 de outubro do 2001.
Onte, 12 de setembro de 2017, deixounos unha grande da cultura galega.”