Achegas: Hernando Martinez. Producir alimentos.

  Producir alimentos.

   A terra do Salnés, polas súas condicións edafolóxicas e ambientais, é unha terra produtiva. A paisaxe está totalmente humanizada, froito do traballo de xeracións e xeracións que habitaron nela. O seu labor acumulado converteu esta comarca en “terras ricas e produtivas” e, ademais, souberon conservalas como tales ata a actualidade.

   Cando transito polos camiños do Salnés e vexo terreos a campío sinto un certo enfado. Paréceme que non está ben, que é un despilfarro, que se están a dilapidar uns recursos potenciais que a natureza nos regala. Póñome a analizar a conxuntura ou combinación de factores e circunstancias que afectan a este asunto; pero venme á memoria a constante histórica que viviron as nosas xentes que se viron en necesidade de emigraren a outros lugares: “aquí tíñano todo, pero non había nada”.

   En diversas zonas xeográficas do planeta e parece que tamén nalgunhas áreas da nosa Europa, disque hai xente que pasa fame. Na terra do Salnés poida que sexa en contados casos. O noso rural (tamén o de Galicia en xeral) ten un potencial enorme para producir alimentos diversos en terras habilitadas para iso durante centos de anos. Hai que aproveitar este potencial e xerar unha economía sostíbel.

    A estas alturas da historia, no noso século XXI, hai países –escoiteino a quen sabe diso- que están a perder a súa “soberanía alimentaria”. É dicir, están a perder a capacidade para producir produtos básicos que garanten a existencia da poboación propia. Nas necesidades máis elementais estanse a converter en “dependentes”. E isto pódenos pasar a nós. Disque é resultado da “globalización” –mírese o dicionario da lingua-: a interdependencia económica de todos os países do mundo provocada polo aumento das transaccións transfronteirizas de bens e servizos e dos fluxos internacionais de capitais e pola rápida xeneralización da tecnoloxía. E agora xa podemos dicir que unhas poucas grandes empresas controlan o proceso da nosa alimentación. E vese vir que, de cara a un futuro próximo, “quen controle a alimentación será quen de condicionar a actividade dos gobernos”. Aínda máis, “quen posúe a alimentación, quen posúe a auga, domina a humanidade”.

   Sostén un meu colega que, hoxe en día, producir alimentos fóra da rede das grandes corporacións é unha práctica revolucionaria. Dime el: -“Mira os pantalóns que temos postos; son fabricados polo grupo Massimo Dutti, Made in Morocco… E así en todo; cos alimentos tamén: os cereais, os legumes, as froitas… Son producidos polo mundo adiante; logo envasados, refrixerados ou conxelados; empaquetados e distribuídos aos mercados de calquera sitio o máis rápido que poden. De onde veñen os alimentos que comemos hoxe en día?…”.

   E nós deixando terras a campío, sen cultivar! Dáme mágoa… Temos que potenciar fórmulas produtivas á altura dos tempos en que vivimos e facer do traballo de agricultor unha actividade da alta cualificación profesional. O labrego non pode ser “o máis parvo da familia”, senón un profesional con moitos coñecementos, unha formación polifacética e con variadas aptitudes. Na agricultura é moi urxente investir en talento para conseguir óptimos beneficios.

   Levo moitos anos axudando na concienciación de espazos de traballo cooperativo e asociativo. Boto de menos as antigas Axencias de Extensión Agraria, que tantas conciencias espertaron e tanto ben trouxeron ao país. Conseguíronse bos froitos, que hoxe están á vista de todos; pero aínda non é suficiente. Romper a dinámica histórica do noso mundo rural e as estruturas en que está asentado non é nada doado. Trátase de cambiar mentalidades, espertar inquedanzas, romper fortes teas de araña que envolven intereses económicos moi particulares. Trátase de que os parias do sector produtivo primario, excluídos das vantaxes e beneficios que acaparan os sectores transformador -industrial- e o comercial, saquen tamén proveito do negocio. Ademais, trátase tamén de fixar a poboación no rural.

    Cal será a forma de conseguir isto? Non é cousa de maxia e haberá que artellar diversos camiños. Un primeiro obstáculo está na tradicional estrutura da propiedade da terra e no minifundismo, que foron en tempos idos elementos idóneos para a produción agrícola e precisan agora adaptarse á tecnoloxía e ás formas produtivas actuais. Pero isto en si mesmo é superable, pois hai que agrupar e homoxeneizar a produción e buscar oportunidades ás pequenas explotacións para “xerar economía circular e ofertar á sociedade produtos e servizos de calidade”…

   O resultado final terá que ser “asumir a produción e a comercialización dos produtos e os custos derivados dunha lexislación cada vez máis esixente”. Démonos conta que estamos na Unión Europea e sometidos ás súas ordenanzas comerciais. Moitos aínda non acaban de entender que hai que levar ao mercado produtos con garantía legal sanitaria; que o labrego ten que adaptarse á normativa que garanta a saúde para o consumidor. Iso é o futuro e temos que conquistalo. A terra do Salnés é unha terra produtiva e os galegos “témolo todo, por se queremos facer algo”.

Para rematar, recollo unha noticia de prensa desta semana que vén ben ao caso:

Ribadumia, 22 de maio do 2018. A Garda Civil incautouse nun establecemento dunha partida de 200 litros de augardente e 800 de viño. Comercializábase de forma fraudulenta, sen etiquetas nin marcas fiscais. Non cumprían a normativa sanitaria que permitise determinar a súa orixe e trazabilidade para a protección de consumidores e usuarios. Tampouco cumprían a normativa fiscal de impostos especiais sobre as bebidas alcohólicas, polo que defraudaban os tributos obrigatorios á Facenda pública e contribuían a manter na comarca unha economía fóra da lei.

   A noticia en por si non precisa moitos comentarios. Só dicir que este tipo de actividade clandestina, que elude as leis, só favorece a uns cuantos aproveitados e cega o futuro da economía rural.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s